Unha manchea de homenaxes a Pazos de Merexo

Con 90 anos cumpridos, Manuel Pazos, máis coñecido coma Pazos de Merexo, non deixa de recibir recoñecementos. Despois de levar o premio Nordés 2015 en Cee hai apenas 15 días, agora é o seu concello natal, Muxía, o que lle vai render homenaxe. Este domingo o concello muxián outórgalle o Premio Maria Amelia nun acto que tamén valerá de marco para a presentaciòn dun libro-disco dedicado ao acordeonista, da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual.

Enterámonos na web quepasanacosta.com das moitas homenaxes que está a recibir o acordeonista Pazos de Merexo. O mestre do diatónico, ao que coñecimos en Cans o ano pasado xunto a Kepa Junkera, será desta volta homenaxeado en Muxía, onde alén de lle outorgar o Premio María Amelia, farase a presentación do libro "Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, publicado polo concello muxián, coa colaboración de aCentral Folque. 

Segue recibindo recoñecementos o bo de Pazos de Merexo. Despois do Premio Nordés, estes días o Concello de Muxía facía público o nome do Premio María Amelia 2015 que recaerá precisamente sobre Manuel Pazos, o acordeonista de Merexo que traspasa xeracións.

A nova é dupla pois na gala de entrega do galardón, que será o vindeiro 12 de abril, ás 11:30h, no Salón do Voluntariado de Muxía terá lugar o acto de presentación do libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, o primeiro, e único, libro que afonda na historia do acodeón diatónico en Galiza. Unha cuidada e rigurosa monografía que publica o Concello de Muxía e a colección Chave Mestra, a iniciativa de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, acompañada dun Cd sobre Pazos de Merexo, o decano e principal referente desta modalidade de acodeón para as novas xeracións.

O Premio María Amelia é un nomeamento reservado para aquelas persoas que co seu traballo enriquecen e difunden o patrimonio cultural material ou inmaterial de Muxía e de toda a Costa da Morte. Un premio que lembra aquela muller que traspasou fronteiras dende Muxía a través da rede, que nos deixaba no 2009.
A proposta de entregar o Premio a Pazos partíu do propio Concello e foi aprobada por unanimidade polo xurado da mesma, no que, como en cada edición, hai membros de todos os grupos municipais.

Un libro-disco

O libro-disco “Pazos de Merexo, o acordeón diatónico da Costa da Morte”, recolle os periplos vitais e as obras do repertorio de Pazos do Merexo, o último maestro do acordeón diatónico de Galiza. O libro conta con abundante documentación gráfica, e unha cuidada presentación, e se presenta ademais cun Cd no que podemos escoitar en versión orixinal unha selección de gravación inéditas de Pazos do Merexo realizadas no últimos vinte anos polos investigadores Olga Kirk e Pablo Díaz. Ademais inclue unha selección das aparicións de Pazos de Merexo en programas de TVG como Alalá –no que aparece acompañado polo acodeonista Brais Maceiras- ou Luar. Tamén a súa recente colaboración con Kepa Junkera recollida no doble disco Galiza con o que o vasco homenaxeou a música galega.

Xurxo Souto e Pedro Pascual, os dous autores do libro, son profundos coñecedores da dimensión musical de Pazos e do que supón no contexto da Música Popular Galega como un referente único e inescusábel para as novas xeración de músicos e afeizoados. Ambos teñen compartido inúmeras horas con Pazos tanto en Merexo como en distintos pontos de Galiza e teñen sido destacados divulgadores entre músicos e público tanto da sua figura como do seu repertório e técnica interpretativa.

Na presentación intervirán os autores Xurxo Souto e Pedro Pascual, o editor e director da colección Chave mestra Ramon Pinheiro e o alcalde de Múxía, Félix Porto. Como feche está prevista a intervención musical de Pazos de Merexo acompañado de xovens e virtuosos acordeonistas de distintos pontos de Galiza.

A presentación do libro-disco, xunto coa entrega do Premio María Amelia 2015, será unha xornada de sincera homenaxe ao maxisterio de Pazos de Merexo da nova xeración de acordeonistas que siguen o seu ronsel. Novos interpretes de acordeón diatónico de distintos pontos de Galicia como Vigo, Coruña, Compostela ou Bergantiños se achegarán a Muxía para compartir este día grande co protagonista do libro.

”Chave Mestra” é unha colección de libro-disco de aCentral Folque que afonda no coñecimento de personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bon facer e axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfoneiros, violonistas, narradores, acordeonistas… Aquí comeza unha serie de publicacións para rescatar, descubrir e divulgar, figuras indispensabeis da cultura tradicional galega. Libros de alta calidade con fotos inéditas, ensaio histórico e musical, transcrición de partituras e CDs con gravacións orixinais e inéditas en cada unha das publicacións.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto