Discos PORNO ábrese á sociedade

O colectivo PORNO ten un mes de xuño cargado de actividades. Decidiron abrirse á sociedade e presentan novo número da Revista Porno, tamén o fanzine Madreselva, alén dos postos nas feiras de autoedición Tenderete, no País Valencià, e Gripo Gripo en Pontevedra. Andarán tamén por Lisboa, organizando Terra Abaixo, unha feira de autoedición subterránea dentro do Festival Silêncio! E aínda haberá tempo para ver algún dos grupos do colectivo ourensán de acción cultural ao vivo nos escenarios do país.

PORNO, o colectivo ourensán de acción cultural, retoma no comezo deste verán a súa actividade pero con novas intencións. Tanto a continuidade de vellos proxectos e a aparición de outros novos está guiada neste caso pola colaboración e a vontade de levar a mensaxe PORNO a novos públicos.

Así, este mes sairá de imprenta a Revista Porno #4, con novas entrevistas, novos colaboradores e novos enfoques. Contén un especial fan, con fantasías, relatos e poesías inspirados por artistas, e ao ser ano eleitoral a presenza da política faise máis destacada, ademais dunha sensible mellora no apartado gráfico. Entre as persoas que falan ou escriben ou das que se fala ou escribe están nomes da importancia de Servando Rocha, Yuri Landman, Isabel Fdez. Reviriego, Sr. Anido, Cuchillo de Fuego, Albert Rivera, Teresa Ferreiro, Luis Boullosa, Sangre de Muérdago, Os Amigos dos Músicos, Eba Reiro ou Ataque Escampe.

De feito, estes últimos, membros destacados de Discos da Máquina, ofrecerán un concerto o venres 19 na Sala Capitol de Compostela, que funcionará como despedida do seu cantante orixinal Álex Charlón. Acompañaranos os seus compañeiros de selo The Lost Omelette-Makers e Vozzyow, a última incorporación a PORNO, que ten en fabricación o seu primeiro LP Petroglifos Mogor, gravado na Radio Galega e que se coeditará entre PORNO e Nostalgia Records. Hai dous temas de adianto dispoñibles en Bandcamp.

Ao día seguinte terá lugar na Gentalha do Pichel a senlleira festa de aniversario do Cineclube de Compostela, que sempre conta con cultura de calidade e prezos populares. Alí debutará Esposa, unha nova banda formada por membros de Monstruo e Chicharrón, que están elaborando un repertorio de pop enérxico e aportuguesado. Tocarán tamén Cinta Adhesiva (proxecto literario-musical no que os textos procuran dotar de significado a ritmos e cadencias) e Pantis (pop electrónico desbocado cheo de tensión, violencia e beleza). Antes proxectarase de balde Rock and Roll High School, o clásico filme dos Ramones, apto para beber e prepararse para rebeldía xuvenil desenfadada.

Contra o final do mes Monstruo volverán saír á estrada acompañados de Bala, que acaban de fichar por Matapadre e presentar un videoclip dirixido por Javi Camino, antesala do que será o seu álbum debut, tamén a piques de saír. Nesta ocasión, pasarán pola Guarda, Salamanca (no mítico 13 Monos do que todo o mundo fala marabillas), Ortigueira e A Coruña, trazando un círculo case perfecto no que ambos volverán defender con intensidade os seus discursos.

Pero iso non é todo, porque todo o material de PORNO dispoñible e o que teñen en distribución vai viaxar. Contra o final do mes, o colectivo volverá participar nun evento que sempre lle deu sentido a calquera proxecto, o Gripo Gripo, a feira de autoedición do Liceo Mutante. Dous días de felicidade nos que aparecerá o novo número da revista e tamén Madreselva, un novo fanzine cheo de imaxes e textos que son preguntas e respostas misteriosas.

Estas experiencias servirán para tomar nota e preparar Terra Abaixo, unha feira de autoedición subterránea que PORNO organizará dentro do Festival Silêncio! que se celebra en Lisboa entre os días 3 e 5 de xullo. O festival é unha enorme celebración urbana multidisciplinar, e Terra Abaixo contará con concertos, debates e actividades no Espaço Atmosferas do ETIC da cidade branca.

Entón a cousa dos concertos queda así:


Venres 19 – Ataque Escampe + Vozzyow + The Lost Omelette-Makers.

Sala Capitol (Compostela). 20:00. 8€ anticipada / 10€ billeteira.


Sábado 20 – Aniversario Cineclube de Compostela con Cinta Adhesiva, Esposa e Pantis.

Gentalha do Pichel (Compostela). 19:30 filme, 22:00 concertos. 4€.


Xoves 25 – Monstruo + Bala.

C.S. Fuscalho (A Guarda). 22:00, 2€.


Venres 26 – Monstruo + Bala + Estoril + Yawners.

13 Monos (Salamanca). 20:30.


Sábado 27 – Monstruo + Bala.

Ásatrú - Pazo de Río Maior (Ortigueira). 22:00, 3€.


Domingo 28 – Monstruo + Bala.

Puticlú (A Coruña). 19:30. 19:00, 5€.



Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto