Guadi Galego, en Pontevedra e A Coruña no mes de maio

A flamante gañadora do Premio Martín Códax na categoría de Canción de Autor, estará este sábado 7 de maio ás 21 horas no Teatro Principal de Pontevedra e o vindeiro, día 14, no Centro Ágora da Coruña. Entradas a 10 euros máis gastos en internet ou na billeteira unha hora antes do concerto. Despois de encher o Principal de Compostela, Galego volverá ofrecer un concerto baseado nos temas do seu exitoso Lúas de outubro e agosto.



A cantante Guadi Galego, galardoada a semana pasada co Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor, e despois de encher o Teatro Principal de Compostela, continúa a súa xira de primavera coa distribuidora Culturactiva SCG. Desta volta leva os temas do seu segundo disco, Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014), ao Teatro Principal de Pontevedra, o sábado 7 de maio ás 21 horas. As entradas poden obterse anticipadas, a 10 euros máis gastos en entradas.abanca.com, ou no despacho de billetes do Teatro Principal de 20 a 21 horas o propio día do concerto a 12, de non esgotárense.

A artista actuará cos seus músicos habituais: Guillerme Fernández á guitarra, o baixo de Paco Charlín e Isaac Palacín na batería. Ademais, acompáñana nesta xira cinco mulleres importantes na súa vida que colaboraron tamén cos coros no disco, e contará coa voz de Lola de Ribeira, que ten cantado xunta os Diplomáticos de Monte Alto. Xa o 14 de maio estará no Centro Ágora da Coruña, no marco do ciclo AgoraSons.

A cantante, voz inconfundible da mítica e xa desaparecida banda Berrogüetto, iniciou a súa carreira en solitario en 2009 co disco Benzón. A finais do 2014 publicou Lúas de Outubro e Agosto, álbum que se converteu no grande éxito da música galega daquel ano ao vender máis de 3.000 copias en pouco máis de mes e medio dende o seu lanzamento. A cifra -xunto ao número de visionados do seu videoclip Matriarcas, demostra o interese que suscita o traballo musical da cantante que, nesta ocasión, preséntalle ao seu público unha versión máis pop de si mesma. Un pop que a propia Guadi define como “pop de autora sofisticado e con arrecendo a música popular”. Esa conxunción de tradición e modernidade mestúrase coa enorme sensibilidade que destila Lúas de outubro e agosto, un disco sobre emocións e sentimentos, dunha compositora que amosa rotundamente a súa madurez como autora.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto