Na memoria de Tabe, baixista de Zënzar

Na mañá de onte, 2 de novembro, a triste nova do falecemento de José A. Regueiro "Tabe" correu polo país. En mil recantos diferentes, unha acordeonista, un batería, un traballador do metal, unha estudante e centos de músicas e seareiras máis quedaron paradas no medio do seu labor cotián e sentiron como a tristeza tapaba o sol. Os medios dixitais galegos recollían a nova e as redes sociais enchíanse de mensaxes de agarimo para o que fora durante case 30 anos o baixista de Zënzar. Nós tivemos a sorte de coñecelo, de velo tocar e queremos lembralo con alegría, tocando cos seus Zënzar en calquera local do país. Sempre con nós, Tabe!

O 5 de maio de 2012, cando GZmúsica viña de cumprir o seu primeiro mes na rede, fixemos a nosa primera saída para gravar un concerto. Foi ao Mesón do Bento, á sala Josfer. Martín, Dani, Xabicas e Adrián cruzaron do sur ao norte un país mollado en chuva perenne para gravar a presentación do “Vaise armar” dos Zënzar. Aló coñecimos a banda. O Boci, o Manolo, o Mario, o Paco…e mais o Tabe. Calado, con eses ollos nos que o relampo da ollada dun neno refulxía de cando en vez para rachar, cun sorriso, o silencio.

Os Zënzar devolvéronnos a visita 3 anos despois, na festa do 3º aniversario de GZmúsica. Viñeron, tocaron, foron connosco de festa, recordaron vellas historias dos comezos do rock galego no bar de Suso Soak, durmiron na nosa e até algún valente se deu un chapuzo ao día seguinte nas augas da ría de Aldán. Que son boa xente non fai falla dicilo, pois ben o saben todos os colectivos e asociacións cos que se foron cruzando nos seus vintetantos anos de carreira. Pero daquela xornada agora vén á lembranza un comentario da Paula. Cadráralle estar boa parte da noite a falar co Tabeaio. Empataran ben, dúas persoas discretas, das que non buscan ser o galo no curral. Das imprescindibles. A Paula ficou marabillada coa dozura, coa nobreza que había debaixo daquel aspecto de tipo duro –dos de verdade-, daquela cara con cicatrices de mil guerras. Que ben me caeu o Tabe, dixera. Hai poucas persoas ás que se lle vexa con tanta claridade que son boa xente.

Coincidimos cos Zënzar moitas máis veces nestes case cinco anos que levamos na rede. No Galegote Rock, no Revenidas, no Arde Rande. A última vez, este ano na Candeloria. Tabe fora a canda eles pero non tocara, xa estaba enfermo. Foi a última vez que o vimos. Despois algún encontro co Boci, algunha chamada, algunha mensaxe íannos escurecendo o ánimo. E hoxe chegou a mala nova.

Porén, e aínda que esteamos fodidas, queremos lembralo con alegría. A súa música queda para sempre, a súa silueta, agachado atrás do corpachón do Mario, ao carón do Manolo na escuridade do fondo do escenario dalgún garito, está gravada na nosa memoria. Sempre con nós, Tabeaio!

TEXTO e FOTOS: GZmúsica

   


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto