Conmoción na música galega tras o pasamento do Narf

Unha outra mala nova sacode a música galega, nun mes de novembro para esquecer. Fran Pérez, o Narf, vén de falecer hoxe, despois dunha curta enfermidade que xa o obrigara a suspender a súa xira con Uxía a comezos do outono. O guitarrista e compositor estivo presente en moitas das iniciativas musicais e culturais máis interesantes do país nos últimos 30 anos. Facemos un repaso urxente e breve pola andaina do músico que mellor soubo tecer complicidades entre Galiza e África.

Os dixitais galegos adiantaban a mala nova a primeira hora da tarde. A enfermidade, que o obrigou a suspender a xira que o ía levar este outono a varios lugares do estado para presentar as Baladas da Galiza imaxinaria, o proxecto en común coa Uxía no que andaba embarcado ultimamente, rematou por vencelo. Os seus concertos en Compostela, no Womex onde presentou o seu proxecto cos moçambicanos Timbila Muzimba e no Teatro Principal, ambos a finais de outubro, fican como despedida deste xenial guitarrista, cunha longa e para moitas non ben coñecida traxectoria.

Nicho Varullo na Sala Nasa, no 1993. Fran Pérez, Carlos Santiago, Pepe Sendón e Antonio Pérez

Porque o Fran Pérez, que de novo se trasladou da súa Silleda natal para Compostela, formou parte do grupo de persoas que montou a Sala Nasa nesa cidade en 1992, que acabou sendo referente cultural no país durante moitos anos. Alí, para alén de desenvolver un intenso labor de creación de bandas sonoras para teatro e mesmo ter participado como actor en diversas montaxes de Chévere, chegou a tocar coas dúas primeiras bandas en que participou, Os Quinindiola e Nicho Varullo. Ambas as dúas pouco coñecidas incluso entre as seguidoras da música galega, supoñen o contrapunto compostelán, poético e postpunk ao Bravú -aínda sen nome- daquelas outras bandas que a finais dos 80 e comezos dos 90 comezaban a facer rock en galego. E sen dúbida, son referente de todo -e todo bo- que veu en Compostela despois: Fame Neghra, Dirty Barriguitas, Túzaros -os máis hardcoretas do Bravú-,...ou a Psicofónica de Conxo, un outro grupo no que volve aparecer Fran Pérez. 


A Psicofónica de Conxo na Nasa en 1998. Fran Pérez, Pepe Sendón, Carlos Santiago, Xavier Olite, Suso Alonso e Marcos Teira.

Porén, estes proxectos non tiveron a repercusión no país, fóra dos círculos composteláns, que terían merecido por calidade. Nuns tempos en que a comunicación e a difusión de contidos eran moito máis complexas do que agora e con propostas que non acaban de cadrar na novísima escena do rock en galego, alicerzada nos seus comezos para ben e para mal no binomio gaita-guitarra tan propio do Bravú, o certo é que Os Quinindiola, Nicho Varullo e tamén, aínda que menos, a Psicofónica son descoñecidos para o público galego en xeral e, desde logo, os tres son proxectos ben interesantes aos que se achegar.

E de feito, non foi até o comezo da súa andaina en solitario e nomeadamente despois da saída da súa colaboración co Manecas Costa no 2010, aquel marabilloso Aló, irmao!, que o Narf comezou a ser coñecido alén dos ambientes do teatro e da capital do país. Probablemente tivo moito a ver nisto a difusión que programas de radio como o Aberto por reformas de X. Souto ou a Internet, moito máis consolidada na altura en Galiza, lle deron ao seu fenomenal traballo. Para moitas, a xira que levou a Narf e Manecas polo país na presentación do disco conxunto, foi a ocasión de descubrir ao vivo un dos mellores -senón o mellor- dos guitarristas galegos. A maxia que unía a sonoridade africana co rock, o tambor de auga, a mestría de Manecas e Narf coas cordas, todo se combinaba para ofrecer un dos mellores directos que percorreu Galiza neste século. 

Mais, mentres o Narf se facía coñecido en Galiza, tiña tempo a conseguir números 1 nas listaxes de éxitos da África lusófona ou a tocar en festivais por todo o universo cultural da lingua portuguesa, en Salvador de Baía, en Maputo ou en Guiné-Bissau. Trazando amizades e colaboracións nas súas viaxes, empapándose da música africana, facendo máis grande a música galega nesas súas descubertas. Despois viñeron o seu traballo sobre a poesía de Rosalía, o inesquecible Terra da Fraternidade, o seu premio da música na categoría Rock en 2013 -que se veu unir aos numerosos que conseguira na súa andaina teatral- e a colaboración con Uxía nas fermosas Baladas da Galiza imaxinaria que desgrazadamente se convertiron no seu derradeiro traballo. E é unha mágoa, por non dicir unha putada, que o Narf non poida seguir a gozar do recoñecemento cada vez maior que ía gañando entre o público galego. Para alguén que vai construíndo unha andaina no xeito en que Fran Pérez fixo a súa e pertencendo, por riba, a un universo cultural tan peculiar coma o noso, as cousas adoitan chegar amodo e só nestes últimos anos o Narf acadou o recoñecemento xeral que a súa obra merece. Quedamos sen el cando estaba en plena madureza creativa mais ficamos coas lembranzas dos seus concertos, coas sensacións que a súa música é quen de nos transmitir. Como dixo unha das nosas colaboradoras, a palabra harmonía probablemente foi pensada para el. Que a terra che sexa leve, irmao!

Sirva como a nosa pequena homenaxe estas imaxes, a entrevista que lle fixemos no Revenidas 2013 e un tema ao vivo (minuto: 46'53'')

 

FOTO, TEXTO E VÍDEO FINAL: Xabicas, Borneira Audiovidual, GZmúsica

VÍDEOS NICHO VARULLO E PSICOFÓNICA DE CONXO: redenasa.tv


{fcomments}




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto