Tiruleque lanza 'Outro que tal baila' e inicia xira de presentación o 17 en Compostela


A banda coruñesa publica o seu terceiro álbum de estudio cun total de dez cancións, entre composicións propias e versións do cancioneiro popular. As entradas para o concerto en Compostela, 17 de febreiro na Sala Capitol, pódense adquirir xa na web da sala. Ademais, a xira continúa 23 de febreiro na Fundación de Melide e o 9 de marzo no coruñés Club Garufa.


Tiruleque sacará á venda no mes de febreiro o que será o seu terceiro disco de estudio. Tras lanzar os álbums Tiruleque en 2009 e Mu!! en 2013, a banda coruñesa publicará o 17 de febreiro Outro que tal baila, un proxecto discográfico que presenta un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. Polo tanto, o título do álbum resulta unha auténtica declaración de intencións, xa que define perfectamente o espírito deste grupo que, disco tras disco, busca promover música bailable con pura raíz galega. Con este espírito, Outro que tal baila reúne un feixe de dez temas, dos que tres son composicións propias nas que se xoga cos límites dos xéneros e seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax.

Os temas propios son Ribazo de Razo , definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo , xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe. Podes escoitar Ribazo de Razo, Rumbanera e Cortellas (tradicional) na WEB do grupo.


QUINCE ANIVERSARIO

O disco é pechado por un último tema especial, Muiñeira do lacón, gravado en 2002 pola banda e que foi emitido pola Radio Galega en 2005 na primeira aparición radiofónica do grupo. Así, Tiruleque recupera a gravación, grazas á colaboración de Emilio Españadero, do programa Lume na Palleira. Este colofón para o disco significa unha volta ás orixes dun grupo que comezou a andar en 2002 e que no ano pasado cumpriu 15 anos de traxectoria. Deste xeito, Outro que tal baila non é tan só o novo traballo de Tiruleque, senón tamén unha auténtica celebración destes tres lustros enriba do escenario. 

XIRA PRESENTACIÓN

Tiruleque presentará este novo álbum o vindeiro sábado 17 de febreiro na compostelá Sala Capitol. Este concerto -cuxas entradas xa se poden adquirir a través da Sala Capitol na Reixa Tenda en Santiago e na Billeteira da Praza de Ourense da Coruña- abrirá unha xira do grupo por recintos como A Fundación (Melide, 23 de febreiro), Garufa Club (A Coruña, 9 de marzo), SalaSon (Cangas, 28 de abril) ou Clavicémbalo (Lugo, 16 de xuño).

Estas catro citas enmárcanse na programación da Rede Galega de Música ao Vivo. promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).


TIRULEQUE

Tiruleque presenta en “Outro que tal baila”, o seu terceiro traballo discográfico, un repertorio orientado á música de festa e de baile, explorando novas posibilidades partindo da música galega. O grupo leva percorrido a xeografía galega e estatal, deixando constancia da calidade os seus directos coa participación en festivais de recoñecido prestixio, como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Pardiñas, Festa Folc de Vilariño ou Beltaine-Avilés Intercélticu. A nivel internacional participou representando a Galicia no 41º Festival Intercéltico de Lorient. Tamén ten compartido escenario con artistas da talla de Milladoiro, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Uxía, Treixadura, Quempallou ou Kepa Junkera, entre outros. Na actualidade, o grupo está composto por Antón Bueno (contrabaixo), Álex Fente (acordeón), Luís García (bombo con pratos, percusións e coros), Miguel Horjales (caixa, percusión, coros), Serxo Núñez (clarinete, gaita, percusións voz), Fernando Román (Saxo, clarinete, trompeta) e José A. Vázquez, (Gaita, saxo, percusións).

FOTOS: Ángel Manso - Tiruleque

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto