Pan de millo, para nen@s e maiores

A editorial Kalandraka apresenta un novo libro-disco dedicado ao público infantil. Trátase de Pan de millo, unha creación de Migallas Teatro que anima a cantar e a bailar a toda a familia. Ilustrado por Dani Padrón, con colaboracións de prestixiosos músicos galegos. Temas cotiás e ritmos diversos para practicar o xogo e a expresión dramática, recuperar a memoria dos maiores e potenciar o galego nas crianzas.


Pan de millo é un libro-disco dirixido a público familiar en que Migallas Teatro reúne 14 cancións infantís e versións de temas tradicionais que interpreta nos seus espectáculos e actividades de expresión dramática. Os arranxos e adaptacións están feitos por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, músicos e educadores, membros do grupo Treixadura e moi vencellados a proxectos de divulgación da música galega tradicional.
Canda eles, intérpretes do prestixio de Pancho Álvarez, César Longa, Begoña Riobó ou Segundo Grandío, entre outros artistas. É o segundo proxecto musical de Migallas despois de “Canta connosco!”, considerado un “revulsivo” no eido da música galega infantil. Co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor, este traballo está pensado para seguir practicando o xogo e a diversión, recuperar a memoria dos avós e avoas, e contribuír á transmisión da lingua. No repertorio conviven ritmos autóctonos -como muiñeiras, pandeiradas e pasodobres- con melodías de inspiración latinoamericana.
Os temas de creación tratan cuestión actuais como a colaboración fronte á competición, a promoción da paz ou o exceso de actividades extraescolares. Tamén se inclúen propostas de expresión plástica e dramática.
A partir das cancións, Dani Padrón crea unhas ilustracións que destacan pola frescura, o colorido e a ledicia que transmiten os personaxes.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto