Bolboreta, tamén para a rapazada

Bolboreta non ten paraxe. Despois de botar a andar a formación coa que presenta o seu primeiro proxecto en solitario, Lydia Botana embárcase en dúas novas aventuras, dirixidas aos máis novos. De aquí para alá e Música para bebés. O primeiro, unha viaxe polas músicas do mundo. O segundo, a descuberta da música para as crianzas máis noviñas. Ambas as propostas preséntanse esta vindeira fin de semana no Salón Infantil de Galicia, en ExpoCoruña.

“¡De aquí para alá!” é un concerto de música para nen@s onde os cativos son convidados a unha vaixe arredor do mundo a través da música grazas ás aventuras dunha bolboreta moi musical. Pasarán por lugares coma Brasil, Cuba, Xamaica, os Balcáns...rematando na nosa terra máxica: Galiza!  
O formato do concerto consta dunha posta en escena musical formada por catro músicos que amosarán unha instrumentación variada: piano, marimba, batería, acordeón, congas, bongoes... Contan con instrumentos típicos de cada lugar polo que van pasando coma a kalimba, o didgeridoo, as cunchas... xunto con un variado set de pequena percusión que abrangue dende pandeiretas, pau da choua... e un sinfín de cacharradas que espertarán a curiosidade dos asistentes a este espectáculo que ten por base a interacción co público que reirá, aprenderá e cantará durante todo o concerto xunto aos músicos e a narradora que guiará a historia.



A través da música contan a historia dunha bolboreta que nace co son dos instrumentos musicais e vai adquirindo novas cores nas súas ás a medida que vai coñecendo máis músicas. Embarcaremos nunha aventura aprendendo grazas ás imaxes e a actuación dos músicos que interpretarán as músicas de cada lugar facendo partícipe o público na procura de novos sons e xéneros musicais coma a bossanova, o rap, o son cubano, o reggae, o ska...
Unha viaxe divertida na que a música, os instrumentos e as cores son os protagonistas cos que descubriremos paisaxes sonoros distintos

Música para bebés, no entanto, é un concerto dirixido a nen@s que acaban de nacer. Ao longo de 45 minutos e mediante estímulos visuais e auditivos, Bolboreta conecta e interactúa cos asistentes ao espectáculo.

E esta fin de semana, no Salón Infantil de Galicia, en ExpoCoruña, teredes unha ocasión inmellorable para comprobalo. Sábado 14, "De aquí para alá!" e domingo 15, "Música para bebés".

Aquí, un vídeo resumo do espectáculo:

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto