Outras novas

O convento de Herbón acolle o II Festival de Música en honor ao pemento

Todos os venres do mes de xullo o convento de Herbón acollerá unha serie de concertos de música clásica e antiga. Ademais, haberá visita guiada a este edificio histórico e degustación de pementos con viño do país. O seu obxectivo: difundir o valor do pemento de Herbón e achegar a música clásica á xente. Chega a segunda edición do Festival As Notas do Pemento.

Ler máis...

Ras Ciro Lima&Grei Jah, no Aturuxo

O primeiro día de xuño non faltamos á nosa cita dominical co templo da música ao vivo de Bueu. A proposta semellaba interesante. Roots reggae desde São Salvador de Baía, con backing band viguesa. Até alí fomos e aquí vos deixamos o que nos pareceu o concerto. Crónica, vídeo e fotos no interior.


Abofé que a proposta de Ras Ciro Lima&Grei Jah auguraba unha boa noite de reggae en Bueu. Cando menos, había servir de adestramento para o concerto que mañá venres viviremos no Aturuxo, Panton&Harrison, -lendas vivas da música xamaicana- cos Transilvanians de banda de apoio.

E, de feito, o concerto foi máis que correcto no musical, -malia o pouco feeling que cabe agardar cando o cantante nin sabe o nome dun só dos músicos que o acompañan-, e o Ras Ciro ten táboas e representa moi ben a esencia do roots reggae. O Lima é un dos principais músicos de roots reggae de Baía. Ten editados dous traballos (Haile Selasie e Eu, Eu e Eu), o último gravando parte do CD en Vigo e parte en Baía. A súa esposa, Makiko Kamekura, de Xapón, acompañouno aos coros. O directo, longo, foi un percorrido polos seus dous traballos, con algunha concesión ás versións na parte final. Non empregaron o estupendo son da sala e traballaron co seu, o que foi un erro pois a banda -sen soar mal- non deu de si todo o que o tería feito coa sonorización da casa. Con todo, o reggae máis clásico pairou sobre @s asistentes en todo momento.

Porén, malia a facilidade coa que o Lima nos insería nesa cadencia acougada e espiritual do reggae na maioría das cancións, o certo é que a liña argumental do seu discurso, de fondas conviccións relixiosas, e as letras das súas cancións, moi centradas precisamente niso, facían que a cousa fose por veces case cómica para a maioría do público -escaso- que asistía ao concerto. 

Cousas da lusofonía. Se o Lima non falase nun galego tan xeitoso e o fixese en inglés, probablemente a parroquia non se tería enterado da homilía e tería gozado sen prexuízos da súa música. 

Texto: Lavesedo

Vídeo: Lety GF

Fotos: Xabicas. Galería do concerto na súa páxina do Facebook

Paseo sonoro en Cans

O Festival de Cine de Cans estivo cheo de música este ano. Como xa fostes vendo nos distintos vídeos que subimos á rede, pola aldea do concello do Porriño pasaron grandes nomes da música do país e tamén de fóra. Mais restábanos por subir un outro vídeo, dunha actividade que se celebrou o sábado 24  pola mañá da man de Xurxo Souto. Foi un paseo sonoro por Cans onde coñecemos pequenas historias musicais de Cans, inseridas con mestría por Souto na historia musical galega. Máis dunha hora de vídeo, de música, de historias, unha proba máis de que somos un pobo de artistas.

Ler máis...

Berrogüetto: Historia dun fracaso

Os membros de Berrogüetto está inmersos na súa xira de despedida. Despois de anos como referente ineludible da música folk galega, a banda sepárase. É a de Berrogüetto a historia dun fracaso? Concretamente, é a historia do fracaso da música galega no paso á profesionalización e creación dunha industria potente ao seu redor? Sobre isto reflexionou Miriño no seu blogue e con esa reflexión comezamos unha nova sección de opinión en GZmúsica. Agardamos que vos preste!

Ler máis...

O Ano Bravú preséntase no Festival de Cans

A 11ª edición do Festival de Cans serviu de marco á presentación do Ano Bravú, actividades arredor do 20º aniversario do movemento Bravú. O Xurxo Souto fala nunha leira de Cans sobre o proxecto e todo o que se está a desenvolver arredor. Aparición estelar dun membro de GZmúsica, que colabora no blogue que será o punto de información de todas as novidades deste Ano Bravú.

Alba María gaña o I Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'

Alba María impúxose aos restantes sete finalistas na gala decisiva do I Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. Nastasia Zürcher recibiu os premios do público á mellor artista e mellor canción orixinal na gala final celebrada no CSC da Ramallosa. O director artístico do certame, Xoán Curiel, salientou que o xurado tivo un labor “difícil” polo “elevado nivel” dos oito artistas que chegaron á fase final do concurso.

Ler máis...

convocatoria becas AIE 2014/2015

A Asociación de Intérpretes e Executantes española (AIE) convoca bolsas para o curso académico 2014/2015. Estas axudas, de carácter estatal, van destinadas a alumnado que curse estudos musicais de Grao Medio ou Superior e a profesionais da música en activo. O prazo de presentación das solicitudes remata o 25 de abril. Bases no interior do artigo.

Ler máis...

1 de abril, o día que van os burros onde non deben ir...

Agora que son xa (case) as 00:00h, -esperemos que Xan Papaqueixos colocase xa as 100 entradas de balde que sorteou no seu FB-, podemos "desvelarvos" o que moitas e moitos cachastes á primeira. Por desgraza, non vai haber Festa GZmúsica con ese cartelazo que correu polas redes...E non é porque non queiramos. O que si é certo é que facemos 2 anos na rede, e que onte foi 1 de abril, o Día dos Enganos no país. Esas 2 cousas foi as que quixemos festexar con esta pequena "brincadeira". Agardamos que non vos enfadásedes moito.

Ler máis...

Flogging Molly, Os Papaqueixos,La Tarrancha e Manu Chao, na II Festa GZmúsica

FELIZ 1 DE ABRIL, DÍA DOS ENGANOS!! Hoxe é 1 de abril e facemos 2 anos na rede. Para festexar as dúas cousas, nada mellor que anunciarvos unha nova que estivemos mantendo en absoluto segredo até hoxe, que xa a podemos confirmar. A II Festa GZmúsica xa ten data, lugar de celebración e cartaz. Será en Vigo, o 17 de maio deste ano. No auditorio do parque de Castrelos e con entrada de balde, poderemos gozar da actuación de Flogging Molly, os históricos Papaqueixos, os asturianos La Tarrancha e o galego-francés Manu Chao.

Ler máis...

Oito finalistas chegan á gala final do I Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'

O I Certame de Canción de Autor en galego 'Concello de Teo' entra na fase final. O xurado escolleron os oito finalistas: Alba María, Gamy, María Costas, MJ Pérez, Nastasia Zürcher, O Neno Elliot, Sofía Espiñeira e Susana Martínez. A gala final terá lugar o vindeiro 5 de abril, ás 20 h, no Centro Sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello. Nela disporán de 8 minutos para defenderen a súa actuación, estilo e calidade.

Ler máis...

Máis artigos...

Páxina 5 de 7

<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 Seguinte > Final >>

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto