Os novos vieiros da reprodución musical

Hai uns días comezamos esta serie de artigos falando do devalo do formato físico para a música, tanto dos CDs coma dos vinilos. Desaparece esa “ilusión da propiedade” que tiñamos ao mercar un disco, que nos facía crer que mercabamos música, fotos e letras cando en realidade estabamos a mercar un anaco de plástico a un prezo desorbitado. O consumo de música almacenada en plataformas como Spotify, Bandcamp ou Youtube vai ser a norma nos vindeiros anos –se non se pode dicir que xa o é agora- e de feito as poutas da industria musical xa levan tempo pousadas nesa nova vía de negocio.


O que está claro é que as discográficas se decataron de que a loita contra a pirataría era inútil –aínda que non o recoñezan- e decidiron aliarse coas novas tecnoloxías para ofertar música “gratis” e asemade obter beneficios con isto. Con custo cero para os selos, millóns de persoas xéranlles royalties decote escoitando a música subida á rede.
O máis curioso é o caso de Youtube que, malia non ser creado especificamente para reproducir música online, é usado por moitísimas das súas usuarias con esta finalidade. E falamos dunha plataforma que presume de mil millóns de persoas reproduciren nela 6 millóns de horas de vídeo ao mes. A vía de negocio máis sinxela é permitir que Youtube engada publicidade nos vídeos que un artista sobe á rede, pero tamén existen compañías que fan que Youtube empregue o seu sistema de identificación para atopar as cancións dun artista empregadas nalgún vídeo da plataforma –subido por calquera persoa- e “monetizalos” tamén.
A que si naceu para a música é Spotify, que di terlles pagado xa mil millóns de dólares aos donos dos dereitos das cancións ás que se pode acceder na súa plataforma. O que non está tan claro é se ese trasvase do negocio da música dos vellos discos ás plataformas online chega a ser beneficioso para os artistas. A granadina Le Parody publicou hai un par de meses no seu blogue persoal os datos do seu disco de estrea en Bandcamp e Spotify. No caso da primeira, por 1429 descargas a prezo libre –quen descarga pode escoller canto paga, desde 0,01€ en diante- a artista recibiu 408€, descontadas xa as comisións de Bandcamp, o 15%, e de Pay Pal, o 7%. Porén, Spotify deixoulle apenas 14€ por máis de 3.500 reproducións, 0,007€ por cada persoa que lle deu ao play. De feito, moitos artistas seguen sen permitir que a súa música soe en Spotify. Coldplay, AC/DC ou os mesmos Beatles non están e hai quen fala incluso de “fuga de músicos” despois de abandonos coma o de Thom Yorke, cantante de Radiohead, que retirou toda a súa música da plataforma. A cursiva é porque a retirada só afecta á música da que posúe os dereitos e non, por exemplo, a maioría dos discos da súa banda, que seguen a estar pois os dereitos son de EMI. Eis unha das grandes queixas dos músicos: as plataformas son un negocio –e ben grande- para os selos discográficos que posúen amplísimos catálogos de discos de artistas xa consagrados, pero non para as bandas e moito menos para as noveis.
Con todo, o potencial destas plataformas para dar a coñecer a súa música segue a ser moi atraente para os grupos que innegablemente espallan a súa música por todo o planeta cunha facilidade que, malia ser cotiá, non deixa de ser pasmosa. Cómpre non esquecermos que hai apenas 20 anos se enviaban casettes por correo convencional para promocionar os grupos.
De todos os xeitos, alén da visibilidade, os novos xeitos de escoitar música, sobre todo se optan por Bandcamp, permítenlles ás bandas estar máis perto do obxectivo da “1000 True Fans Theory” de Kevin Kelly, do magazine Wired, que vén dicir que 1000 seareiros dispostos a deixar 60€ anuais na súa banda favorita son dabondo para a banda se manter e poder vivir da súa música.

Música sobre rodas

E non só –que tamén- a do dúo de zanfonistas formado por Luís Caruncho e Carlos do Viso. Desde que o 19 de agosto de 1932 se instalou a primeira radio nun coche, a música vén sendo compañeira habitual de viaxes e atascos nos nosos vehículos. Hoxe en día practicamente o 100% dos turismos que se venden levan incorpada a radio e especialistas apuntan que 2 de cada 3 conductores escoitan música nos seus coches. E falamos de centos de millóns de unidades circulando polas estradas mundiais.
As persoas que coñecemos a relación que existe entre un boli e un casette fomos vendo a evolución das radios dos coches ao longo dos últimos 30 anos. Do reprodutor de casettes, ao de CDs e de aí ao mp3 ou ás conexións bluetooth cos móbiles. Porén, a revolución da música sobre rodas non fixo más que comezar. Actualmente existen marcas que xa ofertan servizos de streaming de audio como Spotify nos centros multimedia dos seus vehículos, controlados ademais por ordes de voz. Axiña veremos aplicacións nos automóbiles que teñan en conta a velocidade, o tempo de traxecto ou a zona pola que circulan para seleccionarnos unha música ou outra. Incluso, que poidan modificar a ecualización ou o volume para manter o condutor cun nivel de alerta adecuado. Xil Ríos, Milladoiro ou os Heredeiros da Crus, velando pola nosa seguridade ao volante.

Texto: lavesedo. (Este artigo apareceu publicado orixinalmente no Faro da Cultura do día 20 de febreiro de 2014).

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto