As gaitas marciais xa non serán subvencionadas pola Deputación de Pontevedra

A polémica coas gaitas marcianas e toda a estética filoescocesa que pretenden coar como galega certos vultos na música tradicional xa vén de vello. Máis ou menos, desde que o sr. Foxo artellou a Banda de Gaitas da Deputación ourensá e comezou a súa particular teima de inserir na nosa música elementos, estéticas e actitudes foráneos. Apoiadas polos gobernos do PP, estas bandas proliferon polo sur do país, baixo o paraugas subvencionador das deputacións. En Ourense primeiro e en Pontevedra despois. Mais agora, a mudanza política nesta última trouxo como consecuencia o feche da billa para a Escola de Gaitas e Percusión, que se mantiña con 140.000€ anuais dun convenio entre deputación e a Asociación Galega de Bandas de Gaitas, que acubilla estas formacións alleas á música galega. Desde o Colectivo en Defensa da Gaita queren parabenizar publicamente a Deputación de Pontevedra por este feito e envían nota para a súa difusión.



Deputación de Pontevedra, os nosos parabéns

O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) quere agradecer á Área de Cultura da Deputación de Pontevedra a súa decisión de non aportar máis fondos públicos á súa Escola de Gaitas e Percusión xa que, a través dun convenio coa Asociación Galega de Bandas de Gaitas, destinábanse 140.000 € anuais a fomentar un modelo de formación alleo á música galega, empregando gaitas marciais e percusión de alta tensión, elementos alleos á nosa tradición musical e copiados das bandas escocesas.



Moita xente vén denunciando publicamente dende hai anos esta aldraxe musical subvencionada de maneira arbitraria con cartos de tódolos galegos e galegas, sen que unha parte da sociedade tome conciencia desta grave situación no contexto xeral das bandas de gaitas da nosa terra. Temos como referencia obrigada a provincia de Ourense, na que as formacións pro-escocesas que aínda sobreviven continúan a dar unha imaxe confusa e manipulada intencionadamente por parte de certas persoas e organismos oficiais sen compromiso pola música galega.



Feitos como o acontecido na Deputación de Pontevedra son moi valorados polo CDG para continuar informando á cidadanía en xeral do que se está a facer dende hai tempo, polo que reiteramos dende aquí os nosos parabéns e animamos ás administracións públicas a que sigan o seu exemplo e antes de dar cartos para supostas escolas de música tradicional, teñan a sensibilidade de informarse e de xestionar responsablemente os mesmos para non cometer no futuro erros coma este.



COLECTIVO EN DEFENSA DA GAITA (CDG)

 

Web: colectivoendefensadagaita.tk

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto