A ACB non entende de gaitas

O Colectivo en Defensa da Gaita fainos chegar unha nota para mostrar o seu malestar, compartido por moit@s, despois da contratación da marciana Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense para actuar na Copa do Rei de baloncesto que se celebrou na cidade da Coruña a pasada fin de semana. Máis unha vez, a agrupación ourensá fai pasar o seu espectáculo baseado na tradición escocesa por música de noso, desta volta nun evento organizado pola ACB e apoiado polo concello e a deputación da Coruña.

Cando acontece unha cita deportiva da talla dunha final da Copa do Rei de Baloncesto é moi importante que se coñeza o que e a quen se contrata. O máis sinxelo é recorrer ao quen ten máis sona ou a tal agrupación a través dun coñecido.  Isto foi o que se fixo coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense o pasado domingo no Coliseum da Coruña. Asesorarse antes de facelo debería de ser unha obriga por unha simple cuestión de respecto e ética musical. Os galegos en xeral e, neste caso, os coruñeses en particular non merecemos o trato e a imaxe que se está a dar da nosa música tendo como máximo expoñente a unha agrupación pseudo-escocesa que non representa nin de lonxe a Galicia. Hai entidades dabondo espalladas pola nosa terra que xa fan todo o contrario. E é, sen dúbida, unha vergoña para moita xente ver a unha banda que di representarnos con bastóns de mando militares, gaitas "marcianas" (instrumentos híbridos entre gaita escocesa e galega) e desfiles con malabarismos máis propios de bandas doutros países tan respectables coma o noso. Levamos tempo dicindo que iso non é de aquí, por moito que nos queiran convencer doutra cousa. E tanto os organizadores (a ACB) como os colaboradores de tal evento (entre eles o Concello da Coruña e a Deputación Provincial da Coruña, que destinan cartos públicos a tal efecto) deberían reflexionar e explicarnos a todos se eles identifican iso como galego porque nós xa o entendemos e sabemos distinguir as cousas perfectamente. Menos aplausos e máis conciencia, por favor. Informarse antes de facer algo non ocupa lugar. A ignorancia musical da xente chega a converterse en falta de respecto a todo un pobo.


Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto