Musigalité censura un tema de Ataque Escampe

O programa sobre música da TVG cortou o vídeo da canción "San Marino" para eliminar a frase "Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP". As redes sociais ferven despois de as Ataque Escampe publicaren no seu perfil a nova da tesoirada ao seu tema para eliminar a crítica ao Partido Popular. O post do grupo leva máis de 700 compartidas no Facebook en apenas 3 horas.

Musigalité foi a aposta da TVG pola música do país para este ano. Probablemente forzada polo rebumbio que xerou a desaparición do Planeta Furancho da grella da Radio Galega, a CRVTG decidiu demostrar o seu "interese" pola música feita na Galiza coa emisión deste programa televisivo, alén da estrea na Radio Galega de "Onda Vital", programa diario conducido por Xiana Arias. Se ben neste último programa radiofónico si teñen ampla cabida as músicas feitas en galego, o certo é que Musigalité destacou desde o seu comezo por un esquecemento practicamente absoluto para a música cantada en galego que se fai no país. Así, dos máis de trinta grupos aos que se achegou Musigalité nos 11 programas que leva emitido apenas 2 ou 3 empregan o noso idioma. Caxade e Ataque Escampe ou o folk instrumental de Begoña Riobó e para de contar. Isto é o que desde Musigalité entenden por "diversidade" e por "darlle voz a proxectos de todo tipo". Nin sombra nin mención das moitas outras bandas que usan o galego na súa música. Nin gañadores de Premios Martín Códax da música galega, nin grupos que están a obter recoñecemento alén das nosas fronteiras teñen cabida no novo programa da TVG. Nin Terbutalina, nin Sés, nin Familia Caamagno, nin Guadi Galego, nin Narf. Só por citar cinco proxectos que deberían estar en calquera programa que queira tratar a realidade musical actual do país. 

Non contentos con este desleixamento cara a unha parte importante da produción musical galega, precisamente a que emprega a lingua propia de noso que a TVG disque ten a obriga de promocionar, Musigalité deu un paso máis no programa desta semana. Era a quenda de Ataque Escampe e o videoclip do tema "San Marino" foi emitido...mais non integramente. Como denuncian as compoñentes do grupo no seu Facebook, unha tesoira sutil eliminou a frase crítica co Partido Popular, enlazando o verso anterior coa parte instrumental final. Curiosamente esa frase e só esa frase foi a eliminada, facendo ben difícil de crer a explicación que desde o programa de TV lle deron á banda: a eliminación foi por razóns puramente técnicas. Dito doutro xeito, seguen a mexar por nós e pensan que imos seguir a dicir que chove.

Sen entrar a pensar que cousas farán nos informativos da TVG cando nun "inocente" programa musical se cometen estas atrocidades, non podemos deixar de denunciar a censura típica do réxime franquista, a do bolígrafo vermello de toda a vida que tacha o que non é do gusto dos gobernantes. Facémolo por dignidade -coma din desde Ataque Escampe- e como advertencia para quen teña desexos de repetir algo así. Hai tempo que a sociedade non cala e non atura estas manobras resesas e antidemocráticas. A ver se o entenden de vez.

Link ao vídeo censurado, no 26'12" - Musigalité PGM11

Vídeo do tema sen censura, cantado ao vivo en Vía V

Texto: Daniel Lavesedo 

{fcomments}  


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto