Músicas galegas amb Catalunya

A música galega mobilízase a prol do dereito a convocar unha consulta democrática do pobo catalán. Un grupo nas redes sociais foi o xermolo dun proxecto que rematou coa gravación dunha versión de L'Estaca de Lluis Llach en galego, a pasada cuarta feira. Máis de 600 músicas do país secundan a iniciativa, moitas das cales participaron activamente na gravación da canción. GZmúsica tivo a sorte de poder apoiar este proxecto e achegar as súas cámaras para gravar o videoclip de L'Estaca galega.

A priori, unha nova relacionada con que Catalunya celebre unha consulta democrática para decidir o seu futuro político non debería ter oco no noso webzine. De feito, o normal sería que un tema coma este, político e alleo a Galiza, apenas interesase en bandas galegas con algún tipo de relacionamento con aquel país e/ou cun marcado carácter político nas súas letras e actitude. Porén,  a mistura de esperpento e traxedia que levamos vivindo nas últimas semanas -aínda que todo veña de ben lonxe- nunha ensalada na que collen piolíns, velliñas con bandeiras de España, cánticos fuboleiros e intoxicación informativa a mans cheas provocou a reacción non só daquelas persoas que apoian a independencia de Catalunya, e da Galiza, senón de moitas outras alleas a este movemento. Xente que, defendendo de xeito democrático outras alternativas, asiste abraiada á regresión dos dereitos da poboación catalá. Da indignación, do noxo, da perplexidade que provoca ollar o camiño escollido polo goberno español para se relacionar coa sociedade de Catalunya naceu esta idea de músicas galegas dos máis diversos estilos e posicionamentos políticos.   

A iniciativa de gravar a versión de L'Estaca foi de Alonso Caxade, líder de Caxade, en colaboración con Marcos Paino e nun primeiro momento contaron con Sonia Lebedinsky, Manu Espiño, Xosé Tuñas e Manu Paino -isto é, o resto de integrantes de Caxade- ademais de Lois Carlín e Xoán Casas para rexistrar a canción no Estudio A Ponte de Tomás Ageitos. Sobre esta base engadiuse o coro das músicas galegas amb Catalunya, xente do punk, da música tradicional, do pop ou da música infantil, unida para denunciar a deriva profundamente antidemocrática do goberno español para co pobo de Catalunya. Este coro de músicas galegas foi citado cuarta feira no estudio de Ageitos e até a aldea de Roxos fomos nós tamén para colaborar na gravación do videoclip co que as músicas galegas queren amosar o seu apoio e solidariedade con Catalunya e en favor do seu dereito a votar e decidir como pobo. Aquí vos queda!

GZmúsica


LETRA DE L'ESTACA EN GALEGO
O avô Siset falava, umha manhã no portal
enquanto o sol aguardávamos, e os carros víamos passar.
Siset, ti nom vês a estaca onde estamos bem atados?
Se nom podemos ceivar-nos nunca poderemos caminhar!
Todas puxando, ela cairá e muito tempo nom há durar
seguro que tombar, tomba, tomba, bem carcomida há estar já.
Se puxo forte para aqui, ti puxas forte para lá,
seguro que tomba, tomba, tomba, e havemo-nos liberar.
Mas, Siset, há muito tempo já, que tenho as mãos esfoladas
e quando a força me falta, ela é mais larga e mais grande
Bem sei que a estaca está podre, mas, pesa tanto, Siset,
que às vezes fico sem força, di-me outra vez o cantar.
Todas puxando, ela cairá e muito tempo nom há durar
seguro que tombar, tomba, tomba, bem carcomida há estar já.
Se puxo forte para aqui, ti puxas forte para lá,
seguro que tomba, tomba, tomba, e havemo-nos liberar.
O avô Siset nom di nada, um vento mau o levou
só el sabe para onde, e eu embaixo do portal.
E enquanto os novos passam, ergo o pescoço a cantar
o derradeiro canto do Siset,o derradeiro que ensinou.
Si estirem tots, ella caurà  i molt de temps no pot durar.
Segur que tomba, tomba, tomba, ben corcada deu ser ja.
Si jo l'estiro fort per aquí  i tu l'estires fort per allà,
segur que tomba, tomba, tomba,  i ens podrem alliberar.




Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto