Culturgal: 200 propostas para todos os públicos esta fin de semana en Pontevedra

A cita máis importante anual do sector das Industrias Culturais de Galicia arrinca mañá pola mañá e non terá parada ata o domingo ás oito da tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra. Cun importante esforzo por parte do sector e da Asociación Culturgal, organizadora do evento, o público poderá coñecer as mellores e as máis innovadoras propostas culturais de Galicia. Todas reunidas nun mesmo espazo, para poder escoitar, tocar, sentir e opinar e, por que non, consumir cultura.

Neste encontro, a Feira das Industrias Culturais Galegas, para o que xa hai 1.000 profesionais acreditados, compartirán fogar, conversacións e experiencias artistas, programadores, empresas e público. O programa de Culturgal deste ano está conformado por case 200 actividades abertas e gratuítas, que representan a todos os sectores da cultura galega: a música, o cinema, a literatura, o teatro, a danza, o circo, o audiovisual, a tradición oral, os monicreques…

Así, no Patio poderase gozar de máis de 18 actuacións en directo, tanto musicais como teatrais. Desde o hip hop de Erin e Comando Katana, ao pop de Silvia Penide, a destreza do ex integrante dos Tamara, o teclista Enrique Paisal, ou a aposta pola tradición e a música de raíz de Virandeira Folk. Teatro experimental como o de Inversa, o casting en directo de Pinga Teatro ou os monicrequesde Kukas tamén pasarán por este escenario.

O Garaxe será a zona na que se concentrarán as novas tecnoloxías aplicadas á difusión cultural e os proxectos audiovisuais, sumando un total de 27 actividades. Aplicacións para soportes móbiles coas que podes levar toda a información culturais que necesites contigo, novos medios de comunicación especializados en liña ou plataformas de difusión de libros. Tamén coñeceremos a nova aposta do director de cinema Ignacio Vilar, que levará á gran pantalla a novela de Blanco Amor, A Esmorga, ou a exitosa curta de Eloy Varela e Fina Casalderrey, Dúas Letras.

A parte medular da casa será o Salón no que se darán máis de 26 presentacións de libros e proxectos editoriais, ademais de catro Conversas entre xornalistas culturais e creadores. Por este espazo pasará o escritor Manuel Rivas para presentar a súa nova novela Voces Baixas, o actor e produtor Luís Tosar que nos falará da súa nova película Operación E, rodada en Colombia; o xornalista Ignacio Escolar que editará en galego o seu libro 31 Noites ou Felipe Caballero que charlará cos catro ilustradores e humoristas galegos máis relevantes sobre a profesión e a súa devir. Coñeceremos tamén as dúas publicacións que recompilan e analizan as obras do escritor e dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2013.

Os máis pequenos da casa terán a súa propia oferta cultural no Cuarto dos Nenos polo que pasarán, entre outros,  os  titiriteiros de Viravolta e Babaluva, os músicos de Mamá Cabra e María Fumaça, os contacontos do Carballo con Botas e dos Os Sete Magníficos máis Un, escritores como Pepe Carreiro e Marcos Calveiro, e actores e actrices de Caramuxo Teatro e Elefante Elegante. Máis de 30 actividades para nenos de todas as idades.

O venres 30 están convidados á inauguración da feira uns 700 alumnos e alumnas de centros educativos de Pontevedra, que ademais asistirán a cinco actividades concertadas cos centros escolares e que polo tanto no están abertas ao público xeral. Os primeiros en chegar serán os 95 escolares que participaron no obradoiro de creación de cabezóns que Inacio Vilariño ofreceu ao longo desta semana nos centros de Pontevedra. Eles e as súas obras, acompañados do grupo de música tradicional Linho do Cuco, percorrerán as rúas da cidade animando a xente á chegarse a feira, para rematar o seu percorrido no Pazo da Cultura e deixar alí instalados os seus cabezóns para que todos os poidamos ver.

PROFESIONAL

Xa se esgotaron todas as prazas para asistir ao Foro Profesional do Culturgal, polo que queda definitivamente pechada a inscrición. A gran acollida que tiveron as propostas profesionais este ano ven demostrar que Culturgal consolídase coma un punto de encontro para os profesionais das Industrias Culturais, que teñen no Foro un aliciente máis para asistir á feira.

Aínda que as inscricións á mesa redonda Compartindo Multiplicamos. Mesas de traballo para  Axentes Culturais, e a xornada de Ferramentas TIC e Multimedia nas Aulas (Iniciativas, Experiencias e Obradoiros) xa están pechadas, hai moitas máis actividades, preto de 15, de interese para os profesionais dos diferentes sectores. Pódese asistir a mesas redondas sobre a situación das artes escénicas, o audiovisual e a música, que buscan a interacción entre as asociacións dos diferentes sectores e os profesionais.

NOVIDADES

Entre as novas propostas para esta edición destacan o  Stand de Público, un lugar ideado por María Yáñez e Illa Bufarda para escoitar a voz do público e coñecer os gustos, hábitos e preferencias das persoas que viven e consumen a cultura galega. Polo pequeno set de televisión poderán pasar todos os asistentes á feira que o desexen para dar a súa opinión sobre a cultura galega, a propia feira ou recomendar os seus autores favoritos. As súas opinión serán emitidas en pantallas da feira e os vídeos resultantes serán difundidos a través das redes sociais.

Ademais do Stand do Público, Culturgal abre este ano unha nova fiestra: o Espazo Autobombo, un lugar no que calquera persoa, grupo, colectivo, asociación ou empresa pode presentar o seu proxecto... ata o último momento. Doce proxecto xa reservaron o seu oco neste espazo., pero basta con achegarse á Feira e coller o micro que estará disposto a tal efecto. Se o “micro aberto” está ocupado nese momento, pódese reservar unha hora para máis adiante.

A todo isto, por se fora pouco, hai que engadir as máis de 36 actividades que programaron no seu Stand as empresas e entidades que estarán na feira e tamén haberá 6 presentacións na Tenda.

NA CIDADE

Finalmente, aínda que este ano a programación na cidade viuse sensiblemente reducida por mor do recorte orzamentario, a noite do venres Culturgal achegará unha manchea de propostas de diversas disciplinas aos lugares singulares de Pontevedra.

O percorrido ía comezar na Praza da Ferrería, ás 19h, da man de Asacocirco, pero por mor das condicións meteorolóxicas a actuación trasládase ao sábado o recinto ferial ás 20h30. Polo tanto a programación do venres comezará ás 21h, no Centro Cultural Novacaixagalicia - Café Moderno coa actuación de Toques do Caramulo. Ás 21h45 o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) será o escenario privilexiado no que Cisma Danza ofrecerá o seu espectáculo Un disfrace equivocado, onde a danza contemporánea viaxa da man do teatro, a poesía, a escultura e a voz.

Ás 22h30, de volta no Café Moderno, Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero presentarán por primeira vez na cidade o seu último proxecto musical, aCadaCanto. Ás 23h15, chegará á Casa das Campás O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira, un espectáculo de variedades no que se combinan a música en directo, o cine e o teatro, todo aderezado con humor. Xa cara á media noite, o Mapea Culturgal desplázase á Sala Karma, onde a banda rock da Terra da Fraternidade, a Banda Fura Fura, amosará como sonan grandes da música galega. Pechará a festa unha Picada de música galega by María Yáñez & Iago Martínez.

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto