Chega o Fariña Fest

No medio da Semana Santa salta a bomba. A Xunta de Galicia semella que escoitou as queixas provenientes do sector da música galego (artistas, produtoras e industria en xeral) e, para alén de seguir co seu xa anunciado Espectáculo Bochornoso de Luz e Son, a Consellaría de Cultura vén de anunciar un novo festival de música, que se celebrará de xeito itinerante nos meses de maio e xuño desde este ano até o 2021, ano Xacobeo. O Fariña Fest. Aproveitando o tirón do libro de Nacho Carretero e a sonada foto do noso presidente con Marcial Dorado, o Fariña Fest pretende afondar na idea de que "todos os galegos temos un amigo contrabandista" como apuntou o noso presi. De momento sábese pouco das bandas que actuarán só que os Ulträqäns van estar "si ou si". [EDITADO: Obviamente, esta nova foi publicada o 1 de abril, cando van os burros onde non deben ir]

Cangas do Morrazo, 1 de abril de 2018. A Consellaría de Cultura convocou onte os medios na súa Delegación Provincial de Pontevedra para anunciar un novo festival de música, o Fariña Fest. Despois do fondo malestar que provocou no mundo da música do país o megasubvencionado Espectáculo Bochornoso de Luz e Son, a consellaría decidiu rectificar e crear tamén este festival "de formato mediano" que percorrerá as vilas galegas durante os vindeiros 3 veráns. 

Non se sabe nada das bandas, só que haberá estrelas internacionais e bandas españolas e galegas. "Todo o que se poña a tiro", en palabras do conselleiro, "será parte do percal musical". O que si anuncian desde San Caetano é a presenza dos Ulträqäns. "Sen eles, isto non tería sentido" afirman. 

Quizais o máis rechamante sexa a utilización da famosa foto do presi con Marcial Dorado, pois a priori non parece que estas sexan relacións axeitadas para todo un presidente da Xunta. "Hai que rachar estereotipos" afirma o conselleiro "simplemente, afondamos na liña apuntada polo presidente na entrevista co Évole. Neste país todos temos un amigo narco ou estraperlista. E de feito, quen traia un amigo contrabandista entrará de balde no Fariña Fest". Con quen non houbo problema foi co xornalista Nacho Carretero á hora de usar o nome do seu libro e até a tipografía. "Nacho é moi galego e moito galego" subliñan desde a Xunta "pareceulle unha iniciativa marabillosa e divertida. E nós, aproveitamos o tirón do libro e a serie de TV" recoñecen desde San Caetano.


Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto