Artistas lanzan un manifesto de apoio ao Festigal

Desde GZmúsica apoiamos o manifesto Festigal, festa da liberdade publicado por artistas galegas. Contra a involución democrática, a represión e mais a censura. Pola liberdade de poder berrar ben forte as miserias do estado que nos oprime e aínda pretende que quedemos caladas. Súmate ao manifesto!

A comisión do Festigal, integrada por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, e unha representación de artistas presentaron un Manifesto pola Liberdade Artística e de Expresión para rexeitar a censura e a represión contra o activismo cultural, social, político e sindical froito da involución de dereitos democráticos que están a padecer Galiza e o Estado español. 

Máis de 30 artistas conforman o grupo promotor deste manifesto que se pode asinar en http://festi.gal/manifesto-o-festigal-festa-da-liberdade/  “para facer do Festigal a Festa da Liberdade de Expresión”.

Na rolda de prensa, Lucía López Sobrado, sinalou que o Festigal vai manter Valtonyc no cartaz e, se está libre, actuará como está previsto o 24 de xullo no Festigal”. “Ao sindicato policial SUP, que saíu publicamente atacar o Festigal por este motivo, e á Subdelegación do Goberno español dicímoslles que o Festigal se vai celebrar, non nos van calar e vannos ter enfronte sempre na defensa da democracia, da liberdade, da dignidade e da Galiza". “Consideramos que o Estado español, botando man da Lei Mordaza, aplica a censura a todo tipo de manifestacións que son incómodas para o sistema”, engadiu.

Pola súa parte, Jasper, vocalista e guitarra de Nao, en representación das artistas afirmou amosar “a preocupación dos compañeiros do gremio pola falta de liberdade, polos ataques continuos que hai por parte do Goberno central á liberdade de expresión, á liberdade de creación con todos estes xuízos que non rematan de ser xuízos políticos e que abranguen desde secuestros a libros, feche de exposicións en que aparecen fotos de presos políticos cataláns, como censura de cancións como sinalar co dedo determinadas bandas e grupos como se facía na Alemaña nazi cos xudeus e como se fai neste caso en Compostela co Festigal, sinalado porque apoia o rapeiro Valtonyc e denuncia coa súa contratación esta falta de liberdade e estes encarcelamentos políticos que estamos a sufrir por parte do Estado".

"Caza de bruxas” 

"Queremos deixar claro o noso compromiso coa liberdade de expresión e de creación, así como mostrar o rexeitamento a esta caza de bruxas e á represión que están a sufrir as compañeiras do mundo da cultura e, loxicamente, mostrar o apoio ao Festigal, un referente en Galiza que sempre fixo bandeira da defensa da liberdade e da diversidade dende unha ollada galega nunca subordinada en todas as súas expresións artísticas e de creación" sinalou Jasper.

Comentarios  

 
+1 #1 ENSISERIO 04/05/2018 00:24
Pola liberdade de expresión
Citar
 
 
+1 #2 Areigosa 18/06/2018 10:08
Podería asinar gustosa porque apoio a causa, pero ver aí a un tipo tan falso coma o de NAO, quítanme todas as ganas...ese tipo é máis falso cun bilhete de 600, tenvos enganadas, todo pantalla e apariencia, logo pregúntadelle como as gasta el e a súa familia pepera(ai ben que aproveita)...no xo...
Citar
 

Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto