O sector musical será feminista ou non será


A asociación MIM créase no 2016 co obxectivo de dar visibilidade a todas as mulleres da industria musical. En dous anos de existencia a asociación pasou de 30 a máis de 300 asociadas e asociados, contribuíu a introducir mulleres en paneis, xurados, mesas de debate, profesorados, e tamén nalgúns escenarios. Xerou unha web de libre consulta que da visibilidade a artistas e profesionais do sector, e seguirá traballando para que a igualdade de condicións e representación entre mulleres e homes do sector, sexa efectiva, e para que todas e todos sexamos conscientes, que coa igualdade no terreo profesional, e a igualdade no plano persoal, a sociedade só pode mellorar.

A asociación MIM organiza unhas xornadas de balde no Centro Cívico Cidade Vella os vindeiros 17 e 18 de decembro co apoio do Concello da Coruña. O obxectivo da mesma é crear un debate aberto e notorio sobre feminismo e industria musical, así como planear estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade, desde o ángulo da profesionalización e a equiparación das  condicións nos distintos xéneros.

Durante dous días a cidade da Coruña acollerá unha xornada sobre a situación actual na industria musical e na xornada participarán representantes das diversas asociacións feministas do territorio así como importantes referentes profesionais do sector que achegarán a perspectiva actual e retos cara ó futuro dunha industria igualitaria. Unha coidada selección de relatores e moderadores que simbolizan o espírito de cambio efectivo das xornadas e que darán voz a excelentes profesionais do sector que amosan que é posible traballar en chave de cambio.

Trataranse diferentes eidos dentro do sector percorrendo desde a situación actual do sector na Coruña, a visión das diversas administracións públicas, o uso do corpo da muller na música, ou a necesidade de cotas na programación. Uns debates que perseguen ir máis alá dos clásicos discursos das mesas redondas, e que pretenden poñer o foco na creación de solucións aos distintos problemas aos que se enfrontan profesionais, empresas e institucións, á hora de traballar pola igualdade efectiva.

Presentaranse iniciativas lideradas por outras asociacións ou entidades de ámbito estatal e internacional que xa están traballando no eido da perspectiva de xénero, e que ofrecen oportunidades de diversa índole ás profesionais do sector. Así mesmo contarase coa presenza de diversos colectivos galegos que están aportando métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero para reverter na situación de desequilibrio actual, como Mulleres Galegas Kañeras, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e Músicas ao Vivo. Estas xornadas, queren facer fincapé sobre todo na escena musical galega que, coa súa riqueza e extensión, pode chegar a converterse nun modelo de igualdade e profesionalización.

 

Aquí vos queda o programa completo para os vindeiros 17 e 18 de decembro no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña.

17 de decembro

10.30h Benvida e presentación da xornada por Carmen Zapata (Presidenta | Asociación MIM).

11:00H a 12:15H. A situación actual da industria na Coruña. Existen diferenzas substanciais nas políticas de xénero entre os distintos territorios do estado? Unha análise que percorre a situación nos principais escenarios e núcleos da industria musical, como se xestionan no territorio galego e unha comparativa co resto de políticas de xénero do resto do estado. É suficiente? Deben existir protocolos de actuación homoxeneizados? Modera: Lorena Jiménez (Directora | La Trinchera Comunicación). Participan: Christian A. Beade (Coordinador | Locais de ensaio do Concello da Coruña), Javier Becerra (Xornalista | La Voz de Galicia) e Silvia Penide (Música | Silvia Penide).

12:45 h a 14:00 h. A administración pública e a igualdade na industria musical. Proporemos e sumaremos accións directas, analizaremos que medidas están a tomarse actualmente tanto no sector público e no privado, debateremos sobre a súa efectividade ou inefectividade e por que o compromiso das administracións e do sector privado debe estar coordinado e ser firme. Modera: Marcela San Martín (Executiva de contas | Palacio de la Prensa). Participan: Xavier Campos (Asesor de Cultura | Diputación de A Coruña), Oriol Roca (Co-director | Mercat de Música Viva de Vic) e Manuel Roxo (Socio Fundador | Culturactiva).

16.30 h a 17:45 h. O uso do corpo da muller na música, da cosificación ao empoderamento. Dende a promoción ao videoclip, estereotipos de xénero e novas praxes con respecto ao corpo. O corpo da muller sempre foi usado na industria musical como unha ferramenta de atracción. Analizaremos se este uso do corpo é imposto ou voluntario, se é útil para conseguir un fin (chegar á música) ou si pola contra é unha barreira (chega a eclipsar á música). Veremos a evolución (sobre todo a través dos video-clips) da utilización do corpo feminino. Modera: Angels Bronsoms (Xornalista e investigadora en Xénero e Música | UAB). Participan: Carmen Zapata (Presidenta | Asociación MIM), Sofía Trigo (Música | Wöyza) e Xaime Miranda (Director audiovisual).

18:00h a 19:15 h. Entidades e redes, formas distintas e complementarias de impulsar a igualdade. Dende 2016  reáronse máis de 20 asociacións feministas en toda Europa relacionadas coa industria da música. Todas elas, tanto a nivel estatal como a nivel internacional, teñen como obxectivo conseguir que as condicións de homes e mulleres na industria da música sexan as mesmas. Coñeceremos estas entidades e como crean lazos entre elas. Modera: Marian Fernández (Socia fundadora e responsable de comunicación | O Cable Inglés). Participan: María González (Co-fundadora e responsable de produción e booking | Santa Cecilia Music), Violeta Mosquera (Música | Bala e Participante | Keychange PRS Foundation) Almudena Heredero (Directora | Primavera Pro) e Carmen Zapata (Presidenta | Asociación MIM).

18 de decembro

11:00 h a 12:15 h. Tecendo redes: colectivos galegos construíndo en perspectiva de xénero. Daremos visibilidade a todos aqueles colectivos relacionados coa industria da música no territorio galego que están a achegar métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero, para reverter a situación de desequilibrio actual. Coñeceremos que relación teñen entre se e que puntos teñen en común as súas actividades, medios e obxectivos.  Modera: Arancha Estévez (Xornalista). Participan: Patty Castro (Creadora e coordinadora | Colectivo MGK), Alberto García (Presidente | AGPXC) e María José Pérez (Vocal | Músicas Ao Vivo).

12:45 h a 14:00 h. Responsabilidade nos obxectivos de cambio e equilibro de xénero nas programacións. Pode ser o boicot unha nova forma de presión e empoderamento? Analizaremos como a responsabilidade do cambio na estrutura non é exclusiva de organismos públicos ou entidades privadas. O poder dos axentes da cadea de valor da industria como medio de cambio, a presión social como medida de reivindicación. A mobilización das audiencias para esixir cambios reais. Modera: Marta García (Xornalista | El Ideal Gallego). Participan: Susana Laya (Co-directora | Atlantic Fest), Julio Gómez (Co-director | Festival SinSal Son Estrella Galicia) e Cristina Torres (Directora | Festival Músiques Sensibles).

16.30 h a 17:45 h. Igualdade na programación musical. Cotas e outras medidas como vehículos artelladores. As programacións musicais no territorio español posúen un 15% de presenza feminina. Un feito moi significativo e reflexo da posición na que se atopa a muller na industria da música e no mundo laboral. Veremos que medidas podemos adoptar para incrementar a presenza feminina e debateremos sobre a necesidade de implantar cotas. Modera: Toni Castarnado (Escritor e xornalista musical). Participan: Héctor César Marcos (Director Xeral | MASGALICIA), Raquel Collar (Entertainment Relations Pro | Gibson) e José Manuel Sande (Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento| Concello da Coruña).

18:00h a 19:15 h. Exposición de conclusións das xornadas. Definición de obxectivos e liñas de traballo para o 2019. De cada panel extraeremos as ideas e conclusións que nos axuden a definir os obxectivos que podemos marcarnos para cumprir de fronte ao 2019.

 Para máis información podedes escribir a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto