A terceira edición do Eclosom bota a andar


O certame das músicas emerxentes que organiza a Gentalha do Pichel de Santiago de Compostela, bota andar neste 2019. Unha nova edición do Eclosom dá comezo co obxectivo de promover as novas bandas que canten  en galego e con presenza feminina.

É xusto recoñecer que xa son varias as iniciativas que teñen xurdido nos últimos tempos para facer ver que as mulleres están presentes, e cada vez mais, nun mundo tan masculinizado como é o da música. Estas iniciativas denotan unha maior sensibilidade por parte das programadoras e de numerosos festivais organizados por asociacións culturais, como a  Gentalha do Pichel, para así incluír nos cartaces bandas galegas de ou con mulleres, minimizando o absoluto desleixo que, dende as institucións, se mostra tanto no referente á igualdade de xénero coma na promoción do galego. Por iso, continúan a ser escasas as bandas de mulleres e mesmo insignificante a presenza feminina nos escenarios galegos. A  Gentalha do Pichel quere dar visibilidade a esas músicas que saben, e nós tamén sabemos, que existen, dar a coñecer o seu traballo e gozar do seu talento. Que sirvan de referente a todas esas mozas que ven o mundo da música como algo dominado, de xeito hexemónico, polos homes.


Sendo o galego unha lingua que pasa nestes tempos por un momento crítico, de perda continua de falantes, é un factor que repercute tamén na, outrora fértil, escena musical galega. Obsérvase nos últimos tempos certo estancamento na aparición de bandas do país e a falta de relevo xeracional das xa consolidadas, e dende a Gentalha ollan con preocupación o predominio das bandas foráneas en boa parte dos festivais. Polo que ven  necesario impulsar, na medida das súas posibilidades, ás bandas que están a dar os seus primeiros pasos.

Os centros sociais galegos teñen amosado a súa capacidade para programar música á marxe dos circuítos da cultura dominante, máis interesadas no lucro económico que na difusión dun dos elementos máis relevantes da cultura actual. Dende a Gentalha achegan o seu gran de area, lanzando este certame que xa vai pola súa terceira edición.

O seu compromiso coa a música galega non fica apenas en feitos puntuais como este certame anual ou a cesión do centro social para toda banda que desexe ter un espazo no que actuar. Tamén senten a necesidade de apoiar a música en galego coa construción dun local de ensaio onde teñan cabida todos os estilos. Por iso o premio para a banda gañadora deste ano, ademais do contido económico e a actuación na festa do dezassete, será o uso gratuíto durante un ano do seu futuro local de ensaio.

Toda a información e as bases do certame aquí.

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto