Coñece os proxectos premiados nos Martín Códax 2019


A sexta cerimonia de entrega dos Premios Martín Códax da Música demostrou con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega; o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da nosa produción musical, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector. Nao no seu ano de despedida, Xoán Curiel, Tanxugueiras e o Festival de Pardiñas ou o Diario Cultural da Radio Galega, entre os proxectos premiados.

O que presenciaron esta noite no Pazo da Cultura de Pontevedra os máis de 700 asistentes á gala dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, promovidos pola Asociación Músicas Ao Vivo (MAV), superou as expectativas de calquera gala en termos de emoción, calidade e orixinalidade das propostas escénicas e musicais, grazas ao talento do director artístico, Quico Cadaval; o humor e o toque de lírica elegancia das presentadoras Lucía Aldao e María Lado; e a versatilidade e luminosidade do impecable septeto de jazz dirixido por Pablo Castaño. O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: amosar a diversidade da música galega e o seu carácter permeable e viaxeiro. Baixo unha peza da artista Ana Seoane presidindo a escena e representando o noso mestizo ADN musical, o enxeño de Cadaval debuxou unha viaxe pola historia da música galega con paradas inesperadas, momentos delirantes e historias nunca antes contadas, que revelaron as verdadeiras orixes da nosa música, filla de múltiples mestizaxes.


O percorrido comezou cos cantos ancestrais conservados de xeración en xeración e recollidos por Alan Lomax para acabar converténdose en patrimonio do mundo, nesta occasion interpretados pola emocionante voz de Mónica de Nut, que tamén protagonizou a seguinte parada da historia da nosa música, co gran Martín Códax como líder da “movida galega medieval”. Tras pasar fugazmente polos séculos escuros, a gala recalou nos anos 40, cando o Tiro-Liro de Delio Rodríguez era o superhit que Galicia exportaba a España e que nesta noite interpretada por Sergio Tannus ao cavaquinho. Tamén estiveron presentes as cancións protesta de Voces Ceibes, Andrés do Barro, María Manuela ou Batallán, e recuperouse a figura da inxustamente esquecida Jacinta coa súa canción ‘Chámame’, versión galega do ‘Call me’ de Tony Hatch popularizado no seu día por Petula Clark, e que durante a gala interpretou Lucía Aldao. Chegando ao final da noite, caeu unha noticia bomba sobre as orixes segovianas da nosa coreada Rianxeira e, como peche, unha homenaxe á movida viguesa, cunha apoteósica version do ‘Galicia Caníbal’ d’Os Resentidos, interpretada no escenario por todo o equipo artístico e a directiva de MÚSICAS AO VIVO.

Os premios foron entregados por representantes de distintos ámbitos do sector musical como Tony Lomba, Rosa Cedrón ou Ton Risco aos 18 proxectos premiados, que levaron para casa os Melómanos e Melómanas creadas polo escultor e músico, Víctor Lorenzo a golpe de motoserra. Nesta edición inscribíronse un total de 442 proxectos (391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación), o que volve converter a web do certame www.premiosmartincodaxdamusica.gal na plataforma de música galega máis importante do momento. A gala pechouse coa entrega do Premio Honorífico que entregaron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces; e a directora de Marketing de Bodegas Martín Códax, ao músico Carlos Barruso, a quen a directiva de MAV decidiu premiar este ano “en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos”.


No seu discurso de clausura, a presidenta de MAV, Sonia Lebedynski, destacou o traballo feito pola directiva para cumprir o obxectivo final do certame de “favorecer a visibilidade da música galega en cada unha das súas fórmulas tan diversas”. Reclamou “espazos de promoción e difusión para a música galega nos medios públicos, que deben ser independentes, veraces e críticos; e libres de inxerencias do poder”. Neste sentido, tamén solicitou da administración que “os grandes investimentos deixen de sufragar infraestructuras e se destinen a garantir unha presenza musical galega representativa”; e pediu ás salas e festivais que “fagan un esforzo por escoitar e programar música galega”. Neste sentido lembrou a creación dos censos musicais de MAV destinados a mapear os proxectos de música do país para servir como catálogo en liña. Lebedynski tamén recordou a recente creación por parte de MAV do Observatorio pola Igualdade ‘En Órbita’ co obxectivo de lograr “unha maior normalización e visibilidade das mulleres nos postos directivos, e crear referentes femininos en todos os ámbitos da industria”, e lembrou que “sen igualdade non hai sostibilidade”.


A presidenta de MAV amosou a preocupación da directiva ante un momento de cambios lexislativos intensos e mencionou o traballo en torno ao proxecto do Estatuto do Artista, os decretos aprobados polo goberno estatal nos últimos meses, o proxecto de reforma do Real Decreto que regula a actividade de artistas en espectáculos públicos que data de 1985 ou a nova Lei de Contratos do Sector Público de 2018, ou o Convenio colectivo estatal do persoal de salas de festa, baile e discotecas, como exemplos dos asuntos que están afectando á comunidade musical. A nivel galego, Lebedynski remarcou as consecuencias negativas da nova Lei de Espectáculos sobre a vida musical das vilas e cidades e felicitou as iniciativas municipais de Compostela e Pontevedra para buscar solucións que permitan seguir facendo música ao vivo en salas e locais. Por último, insitiu na necesidade de “crear novos públicos a través dunha educación musical que fomente desde a infancia a creatividade e o pensamento diverxente”, e explicou que “a folla de ruta de MAV inclúe o deseño de propostas educativas como a unidade didáctica lanzada este ano e aberta á participación dos centros de ensino co obxectivo de levar a música galega ás aulas e que terá como resultado unha colección de podcast que se poderán escoitar na radio online da páxina web dos Premios".

Proxectos Premiados

Entre os proxectos musicais premiados destacan propostas con grande proxección a nivel estatal e internacional como Baiuca, Bala ou Tanxugueiras; os traballos de artistas moi consolidados no panorama galego como Marcos Teira, Xoan Curiel, Carmen Rey ou Los Satélites; e achegas de gran valor diferencial como as de Su Garrido Pombo, Xosé Miguélez, Adrián Saavedra, Ejazz e Igloo. Repiten estatuíña Wöyza, Banda Crebinsky e a banda estradense Nao, que este ano se despedirá dos escenarios. Dentro dos premios da industria, premiouse o labor do Diario Cultural e as traxectorias do Festival de Pardiñas e da sala viguesa El Contrabajo Club, que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, e logo de ter programado máis de 900 concertos.

Este é o listado de proxectos premiados por categorías:

POP/iNDIE Igloo

ROCK Bala

METAL Nao

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez - ONTOLOGY

MÚSICAS URBANAS Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra

MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira - NÓS

MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca

REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites

BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey

CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas

ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso

A mellor música galega maridada cos mellores productos galegos Ao remate da gala, no Hall do auditorio do Pazo da Cultura, as persoas asistentes puieron participar na degustación gastronómica, froito da colaboración especial que os Premios Martín Códax da Música prepararon nesta edición xunto a varias marcas de calidade, Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas co obxectivo de vincular a mellor música galega cos mellores productos galegos. A degustación, que acompañou o viño de cortesía servido por Bodegas Martín Códax, incluíu productos das D.O.P. Arzúa-Ulloa, San Simón e Tetilla; IXP Pan de Cea, IXP Fabas de Lourenzá preparadas pola cooperativa Terras da Mariña; Xamón Galego da Casa do Xamón da Cañiza; embutidos Torre de Núñez; e IXP Torta de Santiago. Emisión da gala A gala será retransmitida en directo vía streaming a través da web dos premios e da web da CRTVG e en diferido o sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2 e o domingo 12 de maio na TVG despois de media noite.

FOTOS: Xabicas

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto