Un petisquiño do Culturgal 2019


O pasado sábado 30 de novembro estivemos no Culturgal, a feira das industrias culturais de referencia na nosa terra. Literatura, teatro, cinema, fotografía, ciencia,... no grande escaparate da produción cultural galega todo ten oco e hai anos que a música ocupa un espazo senlleiro na mostra. Nós andamos pola feira e tivemos tempo de falar con Fran Amil, Xoán Curiel ou Tanxugueiras e mais de ver o showcase dos Dios Ke Te Crew. Aquí vos deixamos o que nos contaron -e o que nos cantaron-, nunha reportaxe de Martin Rodas e Isaac Pazos.


Hai xusto un mes que comezaba a edición 2019 do Culturgal. Máis de 100 actividades ao redor da cultura galega nuha exitosa feira que botou a andar no 2007 e que despois dalgunha edición na cidade da Coruña leva anos asentada en Pontevedra. Até a cidade do Leres foron Martín Rodas e Isaac Pazos e pola feira atoparon algunhas das referencias da música galega do século XXI. Isto foi o que lles contaron.

O primeiro co que estivemos foi o Fran Amil. Un traballador incansábel da música galega que despois do seu paso polos Papaqueixos ou Ulträqäns leva uns anos centrado nos seus proxectos persoais, tanto para crianças -Chuches Amil- como para maiores. Por este lado Amil presentou POPSÍA no Culturgal, o seu novo disco que verá a luz en 2020 cunha escolma de poetas galegos e galegas desde o medievo até os nosos días, en clave de música pop, swing e folk. Ao carón do multiinstrumentista Amil están neste novo traballo Antón Torroncho ao baixo, Miguel Paz, á batería e coros e Carlos Fandiño ao piano.

A feira deste ano permitiunos tamén descubrir a homenaxe de Xoán Curiel ao historiador e antropólogo Antón Fraguas, homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2019 co gallo do seu 20º cabodano. Canta, miña pedra, canta é un espectáculo familiar ao redor dos relatos populares e cancións recollidas polo propio Fraguas creado por Curiel. 

Aínda coa resaca emocional da marabillosa presentación do novo traballo na Sala Rebullón o 29 de novembro, atopamos no Culturgal as Tanxugueiras. Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío levaron até a feira desta volta ese seu novo disco, Contrapunto, que tan boa acollida está a ter no país. O trío de pandereteiras vai ser sen dúbida un dos grupos do vindeiro ano, pois o novo traballo atesoura unha calidade impresionante e a formación xa deu mostras na súa presentación do potente directo que armaron ao redor do novo disco.  

E despedimos cos Dios Ke Te Crew. O grupo de rap máis famoso da Galiza estivo no Culturgal cun showcase do seu último disco,  O ciclo da serpe. Pecharon cun directo próximo ao público que encheu o espazo carpa.


Vídeo e texto: Martín Rodas e Isaac Pazos


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto