Luar marciano

A semana pasada saltou a polémica no Luar. Desde aquela, a guerra das gaitas vive un novo episodio, o primeiro nas redes sociais. Desde o Colectivo en Defensa da Gaita fannos chegar unha nota, arredor da polémica xurdida a pasada semana no Luar da TVG tras a irrupción dunha gaita marcial no concurso Vai de Gaita. O colectivo valora con retranca o acontecido, no interior tedes o texto íntegro da súa nota.

Aquí tedes o comunicado que o colectivo fixo chegar a GZmúsica:

"O venres pasado no concurso de gaita do programa Luar da TVG, Denis Rodríguez, gaiteiro de Verín, compareceu armado cunha gaita marcial ou “marciana”, (un híbrido galaico-escocés inventado polo Señor Foxo, director da Real Banda de gaitas da Deputación de Ourense) tratando de confundir e enganar... mesmo ó xurado deste concurso!! dicindo que era unha gaita galega. O resultado foi unha atinada e ben argumentada reprimenda da gaiteira Susana Seivane, membro do xurado, que lle leu a cartilla e o mandou de volta para a casa. En anos de traballo do Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) por loitar contra esta farsa, nunca puidemos imaxinar unha difusión tal da nosa causa: a posibilidade de ter 15 minutos de reality-show no programa máis visto da TVG, que serviron para denunciar esta infamia que se está a perpetrar dende a Deputación de Ourense..Grazas a Denis, en horario de máxima audiencia, milleiros de televidentes puideron comprobar en directo as diferenzas entre a gaita e o tambor marcial e a gaita e tamboril galegos. Puideron ver a arrogancia dos que, como Denis, foron educados adrede con mentiras e falsos argumentos cuns intereses ocultos que dende hai anos vimos denunciando publicamente.

Grazas, señor Rodríguez, polas máis de 2.000 adhesións (e subindo) en poucos días á causa do CDG en Facebook ("Non á falsa tradición galega na CRTVG"). En agradecemento pola súa imprevisible campaña de difusión, considérese vostede o Socio de Honra nº 2.001, do Colectivo en Defensa da Gaita."

Colectivo en Defensa da Gaita (CDG)

{fcomments}


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto