O colectivo PORNO presenta a súa programación para febreiro

Despois do éxito do festival ¡PELEA!, PORNO volve á súa programación habitual cun mes cargado de propostas. Pasarán por Ourense grupos de gran prestixio en España como A Veces Ciclón ou Alado Sincera e novas propostas galegas que van dende o pop xeracional de Dois ao math-punk de Vozzyow. Ademais, Monstruo presentarán os splits que sacaron en decembro en Barcelona e Uppercut volverán á actividade logo de meses de pausa. Completa a programación a inauguración dunha nova exposición en El Pueblo, desta vez compartida pola ourensana Julia Huete e o vigués Óscar Raña, coñecidos polo fanzine Drama Sureño e o seu traballo asociado á música como cartelistas ou deseñadores.

Ademais, como novidade cabe destacar a nova iniciativa do colectivo  PORNO para achegar a cultura alternativa ao relevo xeracional: varios dos concertos deste mes serán gratuitos para os menores de 23 anos, adaptándose á súa carencia de ingresos.

A Veces Ciclón. Luns 2 de febreiro. 22:30, 5€. Café Cultural El Pueblo.

A Veces Ciclón son Óscar Vilariño (ex Triángulo de Amor Bizarro, agora tamén en Musel), Marcos Junquera (membro de Betunizer) e Xavi Muñoz (actual membro da banda de Laetitia Sadier). Son un proxecto de cancións en galego e castelán con atmosferas aparentemente tranquilas, pero cunha tensión notable latente por debaixo e uns arranxos fermosos. Emocionais e exhuberantes, pero sen alardes nin exhibicionismos.

Vozzyow + Deliciosa Masa + Rama. Venres 6 de febreiro. 22:00, 4€. Menores de 23 anos gratis. Café Cultural El Pueblo.

Das cinzas do celebrado grupo compostelán Vicky Polard xurdiron os proxectos de Vozzyow e Deliciosa Masa, que achegan o elaborado rock daqueles a terreos máis violentos e agresivos, ou, especialmente, máis viscerais. Bailables, divertidos e cun dominio do escenario sorprendente para a súa xuventude, acompáñaos o grupo debutante Rama.

Presentación da exposición de Julia Huete e Óscar Raña con concertos de Dois e Anti S. Sábado 7 de febreiro. 20:00. Gratis. Café Cultural El Pueblo.

Julia Huete e Óscar Raña destacan entre a última xeración de artistas galegos polo seu marcadísimo estilo. Julia Huete traballa con imaxes icónicas e un estilo bordeando o naïf que acaba sendo subvertido polos seus contidos, mentres Óscar Raña enche de detalle os seus traballos con patróns irregulares e unha sensación de desasosego constante. Xuntos editan o fanzine Drama sureño, e por separado son notables os seus traballos relacionados coa música, para grupos como Monstruo, Puma Pumku, The Vog, Wild Balbina ou os propios Dois, que amenizarán de balde esta presentación co seu emocionantísimo pop, ao igual que Anti S. (membro de Los Locos Hongos).

Alado Sincera + Uppercut. Venres 20 de febreiro. 22:00, 5€. Menores de 23 anos gratis. Café Cultural El Pueblo.

Alado Sincera son quizais o grupo máis estreitamente asociado ao prestixioso selo catalán Repetidor Disc (que edita tamén a Fluzo ou Fajardo), que sacou os seus xa cinco discos de estudio (o último, La misma figuración, hai ben pouco). Poden cadrar dentro dunha vertente política do indie, pero ritmicamente exhiben un vigor que os achega precisamente a propostas como a de Uppercut, que despois de cinco meses volven ao directo coas pilas cargadas.

Vietnam + Monstruo. Sábado 21 de febreiro. 20:30, 5€. Lupita del Raval (Barcelona).

Monstruo tocan en Barcelona por primeira vez e fano acompañados dos membros máis notables da diáspora do cavado galego, Vietnam. Probablemente dea para un concerto de violencia contida, de frustración social disparada en cancións como as que compartiron xa no seu split conxunto. Vietnam tocarán xa os temas do seu primeiro LP, Prevención para los niños, e Monstruo avanzarán temas novos ademais dos editados nos seus recentes cassettes.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto