Música e reivindicación en Ordes

Hoxe venres é bo día para gozar coa música en Ordes.  Un ano máis, a Asociación grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes, organiza  unhas Noites de Tasca especiais, co gallo do sétimo aniversario, cunha gran festa onde a música e o baile tradicional serán os grandes protagonistas. Actividades a partir das seis da tarde, encetadas cun concerto do Cé Orquestra Pantasma. E tamén no Mesón do Bento haberá oco para a nosa música, co Festival Satélite Furancho, organizado pola rapazada desta vila dentro das Festas de San Pedro de Ardemil. Protesta lúdica contra o peche do Planeta Furancho e por unha CRTVG de tod@s e para tod@s!

No tocante ás Noites de Tasca, o encargado de empezar a festa será o popular César Freiría,  Cé Orquestra Pantasma, que a partir das 18:00 h dará un concerto para todos os públicos no Campo da Feira, diante da piscina municipal. A partir das 19:30 h podedes apuntarvos aos Obradoiros de Baile Galego. Un será na Alameda, a cargo de Helena Noya Ruibal, da A.C. Camiño Real de Poulo; e o outro será diante do Museo do Traxe, a cargo de Juan Pena e Bea García, da A.F. Sementes da Arte.

Ás 20:00 h temos outro interesante evento: a presentación do libro-Cd: "PAZOS DE MEREXO, o acordeón diátonico da Costa da Morte", escrito por Xurxo Souto e Pedro Pascual, a iniciativa da Central Folque. Será no auditorio do Museo do Traxe. Entrada gratuíta. E a partir das 21:30 h... máis de 25 grupos de música e baile repartiránse polos bares de Ordes para logo xuntarnos todos no Campo de Feira, sobre as 23:30 h, comezará a gran Foliada para poñer broche final a esta "Noite de Tasca" especial.

Asemade, no Campo da Festa do Mesón do Bento e tamén de balde, a partir das 22:00h terá lugar o Festival Satélite Furancho. Polo escenario pasarán Zënzar, Deseqilibrio Mental e Lady Chatarra. A organización deste concerto xurdiu nun grupo de rapaces do Mesón do Bento, como unha maneira lúdica de protestar contra o peche do Planeta Furancho en particular e en xeral para esixir unha CRTVG que apoie a nosa música e cultura.

Se nunca está de máis facer unha visita pola comarca de Ordes hoxe non tedes excusa para non vos achegar. E isto non é só prós vindeiros, claro. Veciñas e veciños da comarca, saíde a rúa e gozade coa ampla e variada programación que hoxe vai encher as rúas de Ordes e o Mesón do Bento coa mellor música do país.

{fcomments}

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto