O coro da Mariña busca voces

O coro da Mariña, dirixido por Ugia Pedreira e Pierrot Rougier, busca voces. Co epicentro en Rinlo (Ribadeo), o coro busca voces da Mariña e do Eo-Navia para armar un coro diferente e mixto. Xente con ou sen formación musical, profesionais e amadores, xente de 14 a cento e pico anos, estades todas convidadas ao novísimo coro da Mariña que se presenta -e fai a primeira convocatoria de voces- o vindeiro 24 de outubro na Escola Vella de Rinlo.

 A compositora e cantora Ugia Pedreira xunto co artista bretón Pierrot Rougier e súa picariña Lua Avel chegaron á característica aldea de Rinlo e alí falaronlles do desaparecido coro rinlego. Foi entón cando amizades da Mariña próximas aos artistas apuxáronnos e animáronnos á idea de seren eles quen promovese un coro diferente e mixto para a comarca e mais o occidente de Asturias.

Recollendo diversos pareceres puxéronse maos a obra, e desde o bon facer e entender da Asoc. O Cantal de Veciños de Rinlo é agora que se abre a convocatoria de voces para o futuro Coro da Mariña que terá como local de xuntanza  a Escola Vella de Rinlo, a antiga escola indiana.

Faise pois unha chamada pública a quen queira animarse a cantar en grupo, 

xente com ou sen formación musical, profesionais e amadores, xente de 14 a cento e pico de anos que queiran compartir esta aventura artística carregada de paixón e esencia da zona, xente con distintos gostos musicais. 

Persoas unidas polo gosto de cantar en colectivo e criar un espazo conxunto para desfrutar da saúde que produce O Cantar. O Coro da Mariña é un espazo heteroxéneo, un espazo de diversidade para todos os  mariñaos e mariñás que atencionará os gostos eclécticos, as capacidades de cada quen e as necesidades individuais.

 A temática do coro terá como fío condutor o mar, a sua poética e a súa cultura, harmonías e melodías que  teñan o mar como fonte de inspiración. Cancións de todos os estilos musicais que sexan do gosto dos integrantes. Desde pop-rock, música popular de aquí, do mundo... Cancións en calquera idioma que sexa aceptado polos integrantes podendo dar lugar a tradución cando conveña. Repertorio variado non suxeito exclusivamente á partitura. Técnica, arranxos vocais múltiples, atención á expresividade corporal, á interpretación,  aos xogos vocais ...serán dinámicas a vivir xuntos cantando.  Calquera canción é en principio óptima  para ser arranxada a voces por Pierrot Rougier e guiada pola técnica e experiencia escénica da Pedreira. Esta idea de coro expansivo como as ondas, adicado ao mar é única e orixinal pola matriz do seu nascimento, dous artistas que queren viver na súa comarca desde o que son e poden dar e contribuír en transparencia á súa comunidade.  Polo tanto, causalmente xúntanse como esencia e recordo a imaxe dos festivais de cantos de mariñeiros que ten Bretagne (diferentes vilas bretoas tán irmandados com diferentes lugares da Mariña) e que ten Galiza nas súas tabernas e nas súas músicas portuarias, dando forma a un coro mariñeiro único desde o norte da Mariña, mar por medio.

A Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento apoia este encontro de voces desde o  horizonte mariñao porque é unha forma de indagar no pequeno movemento para crear unha grande aprendizaxe invididual e social. Porque o Coro da Mariña propón unha forma de cantar coral libre na voz e no movimento corporal, porque a  arte é saúde. Porque en pensamento e acción este proxecto é continuum da vida mesma dos artistas  sem desenhos de despacho em nome da cultura como etimoloxicamente tiña significado : como o Cultivo.  Porque se saben do que produz a conciencia no desenvolvimento comarcal, na convivéncia social a través da música, na posta en valor do patrimonio interrelacionandoo con outros dando cabida á nterxeracionalidade de forma natural.

 Presentación e primeira convocatoria de voces o sábado 24 de outubro na Escola Vella de Rinlo (Concello de Ribadeo) ás 19h.

Interesados/as chamar ao tlfe. 627 934368

Promove. O Cantal. Asociación de Veciños de Rinlo.

Colabora: Oficina Galega doutros Asuntos do Movemento.

O CORO DA MARIÑA................BUSCA VOCES.

Para quen queira cantar en grupo.

Para quen teña entre 14 e cento e pico de anos.

Para amadores ou profesionais do canto.

Para quen teña ou non formación musical.

Para quen queira viver unha aventura artística.

Para quen queira desfrutar da saúde do cantar.

Para quen non teña perxuizo de estilo musical ou categoria.

Para quen teña amor polas cancións que inspira o Mar.

Para quen queira xogar coas posibilidades da voz.

Para mariñaos, mariñás e xente do occidente de Asturias, ou de lugares máis afastados.

{fcomments} 


Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto