Sitio Distinto Dokumentala estréase hoxe en Galiza

O documental sobre a emigración galega en terras vascas e os vínculos xurdidos entre ambas as culturas chega hoxe, 22 de novembro, a Compostela. Será proxectado dentro do Cineuropa, ás 20h na sala NUMAX. Aquí podedes ver un tráiler desta interesante película.

Sitio Distinto é unha longametraxe documental dirixida por Davide Cabaleiro e producida por Zirriborro e Pixel Films.

Imaxina que chegas a outra terra a máis de setecentos quilómetros da casa. Imaxina que por momentos, camiñando pola túa nova vila, tes a sensación de que estás na túa casa. Escoitas falar o teu idioma, aquel que deixaches atrás, e ves que aquí, nesta nova terra onde chegaches, tamén é parte da súa cultura. Imaxina que a túa identidade existe aquí, que non se perdeu. Deixa de imaxinar e adéntrate en Sitio Distinto.

Hai sete anos que Davide Cabaleiro deixou A Coruña e mudouse a vivir a Gipuzkoa para ampliar os seus estudos. Moi logo atopouse coa realidade migracional galega en Euskal Herria, que lle era case por completo descoñecida. Hai cinco anos decide porse a traballar no que hoxe é Sitio Distinto, un documental que mostra as diferentes vagas migracionais desde Galiza.


Unha viaxe que comezou hai xa 150 anos con destino ás minas de ferro, despois viría a pesca, a industria… até chegar aos mozos galegos de hoxe en día que poboan a identidade vasca. Un camiño que uniu co tempo dous pobos que comparten o feito de ter dúas culturas e linguas minorizadas. Este documental é unha viaxe desde finais do século XIX até a actualidade para entender que fixo chegar os galegos a Euskal Herria. E, sobre todo, por que  quedaron. E como esa decisión xerou que ambos os pobos se encontren e creen xuntos a nivel musical, literario, social e cultural. Como eses inmigrantes chegaron a un sitio distinto e como crearon barrios que acabaron por se converter en sitios distintos para os autóctonos. Outra lingua, outros costumes, outra cultura que termina por se encontrar coa cultura e lingua vascas.


Velaquí o tráiler:





Engadir un comentario


Código de seguridade
Recarregar

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto