Presentación e feche do proxecto Punto e Volta

Vai uns meses comentabámosvos do proxecto Galicia Fest, proxecto que foi TFG de 4 rapazas na Universidade da Coruña. Pois hoxe traemos outro proxecto tamén feito por xente nova, estas xa non son estudantes, se non que xa están máis que graduadas en xornalismo, mais como no país hai moita gana de facer cousas… Olaia Tubío, David Fontán, Raquel Pérez e Alejandro Gándara tráennos outro proxecto, pero desta volta o proxecto vén máis centrado na tradición e na orixe da nosa música. Porén, esta presentación de Punto e Volta non é o inicio dun novo proxecto con punto e seguido, senón que é un punto e final, ou cando menos un punto e á parte, porque con tanto fervello que a nosa xente ten no cu nunca se sabe. Hoxe venres 15 de decembro, das 21h ás 23h presentase o proxecto Punto e Volta no Auditorio de Cerceda. Así que non perdades a oportunidade porque tamén é o peche do mesmo.

Despois de algo máis dun ano de traballo, o proxecto Punto e Volta, que comezou a andar coa axuda da bolsa ‘Nacho Mirás’ outorgada polo Colexio de Xornalistas de Galicia, fecha a súa primeira etapa. E quere facelo no concello de Cerceda, de onde son orixinarias varias das persoas e colectivos que participaron no seu desenvolvemento.

O acto, que xorde como proposta da Asociación Cultural Lucerna e conta co apoio do Concello, pretende ser un encontro entre persoas de todas as idades unidas polo fío da música e o baile de raíz. Non se trata dunha presentación sen máis, senón dun acto dinámico no que se proxectarán vídeos, haberá espazo para a conversa entre os asistentes e tamén terán lugar dúas actuacións por parte de persoas residentes no concello, a de Richi Casás e a das Pandereteiras das Encrobas.


O proxecto

Punto e Volta é un proxecto audiovisual online que pretende radiografar a situación da música tradicional galega a través das historias, das pezas e dos bailes das súas protagonistas. Elas son as nosas informantes: desde as persoas que aprenderon a cantar e a bailar no seo das súas comunidades até a rapazada que vive as foliadas como o mellor momento da semana, das profesoras que levan décadas recollendo e ensinando aos vellos que se están a iniciar, agora, no mundo da pandeireta.
En setembro de 2016 comezamos percorrer as aldeas e os barrios do país co obxectivo de explorar as mudanzas que experimentaron as nosas músicas de raíz: a evolución dos xeitos de transmisión, o por que da ruptura xeracional, a súa función social... Queremos saber se os roles de xénero propios da tradición se seguen a perpetuar nas escolas, entender de que xeito o ensino condiciona a evolución da nosa música, descubrir se hai espazo para crear e abrir novas vías a partir do legado cultural que nos deixaron. Tamén nos interrogamos
acerca do papel da administración e abrimos de novo o vello debate dos arquivos como patrimonio individual ou social e colectivo.

Nós, canto máis sabemos máis queremos saber. E a pesar das moitas preguntas que van xurdindo, cada vez temos máis claro o valor deste regalo que nos fixeron as nosas vellas e os nosos vellos e a responsabilidade que recae na nosa xeración á hora de manter aceso este lume. Que as que veñen detrás sigan quencendo, coma nós, á súa beira.

Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto