Voodoo e Habelas Hainas, este sábado no Rebullón


A nova e fantástica sala de Mos, localizada no CSCD As Pedriñas, continúa coa súa programación musical despois de abrir as súas portas o pasado ano. Esta fin de semana, serán as bandas Habelas Hainas e Voodoo as encargadas de poñer música nun local que está chamado a se converter no referente para a música ao vivo no sur do país.

Unhas calidades e acabado excepcionais, cun proxecto no que colaboraron os mellores profesionais do sector en Galiza. Eis a carta de presentación desta marabillosa sala situada no concello de Mos. Despois de comezar a súa andaina hai uns meses, a Sala Rebullón segue a consolidar paseniño unha proposta de concertos e actividades (teatro, palestras, etc.) moi enfocadas na cultura galega, co obxectivo de converter o CSCD As Pedriñas nun territorio cultural senlleiro.

Así, o próximo sábado 10 de marzo as 22.30h, con motivo do día internacional da muller, as bandas Habelas Hainas e Voodoo ofrecerán os seus directos na Sala Rebullón, do Territorio Cultural As Pedriñas, en Mos cunha entrada colaborativa de 5€.

VooDoo é música, VooDoo é maxia. VooDoo é a electricidade que corre entre os dedos. Un coidado proxecto musical do que forman parte: Maritxinha Gómez (Baixo) e Belém Tajes (Teclado e Voz). VooDoo é unha serpe que se move entre o Acid Jazz e o Soul, entre o R&B e o Rock e crece a través da curiosidade pola música, por escoitar e perseguir infinitamente o tempo e os silencios. Gañadoras do premio Martín Códax da música galega na pasada edición na categoría de blues/funk/soul. GZmúsica TV estivo a falar con elas o pasado verán no Revenidas

Habelas Hainas, despois dunha intensa traxectoria como músicas ao vivo, presentan 'Livres e Loucas'. Este é o título do primeiro traballo discográfico deste grupo de música de raíz galega cun son enérxico, fresco e orixinal dende olladas feministas e sociais. Estivemos con elas na pasada edición da Candeloria, facéndolles unha entrevista que publicaremos moi logo.


Non podes engadir comentarios

Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Facendo click en aceptar, estás dacordo co seu emprego

Acepto