Festivais

Comezamos o mes de agosto e os festivais de música amoréanse ao longo da xeografía galega. Desde grandes festivais con entrada de pago deica pequenas iniciativas autoxestionadas. Do punk-rock ao pop ou á música tradicional. A oferta é ampla e para todos os gustos. Dámoslle un repaso ao mellor desta primeira fin de semana e engadimos o Mapa Festivaleiro de agosto actualizado a 04/08/16. Pasen e escollan!

Tras o éxito do ano pasado, volta a segunda edición do ciclo de “Músicas de Sofá” como primeira cita musical para os máis de 150.000 visitantes que se agardan para a festa do Polbo do Carballiño. Os concertos comezaron onte, mais aínda estás a tempo de gozar coa música de sofá no CArballiño. Ao longo do día de hoxe, 4 de agosto de 2016, desenvolvera a segunda xornada deste singular festival, na que estarán, entre outros, os Transilvanians.

Estamos a chegar ao ecuador do verán e a axenda festivaleira galega segue chea de grandes propostas. Unha das citas a non perder no mes de agosto é o Festival do Castro, que celebrará en Pantón a súa undécima edición. Á espera da confirmación de todo o cartaz deste ano, desde a organización informan da presenza do grupo uruguaio Once Tiros neste 2016.

A praia do Preguntoiro acolleu onte a presentación da décimo terceira edición do Revenidas. Sobre a area na que descansarán as festivaleiras entre noite e noite de concertos, organización e autoridades debullaron a que vai ser sen dúbida a edición máis ambiciosa do festival de Vilaxoán. Reafirmándose na aposta polo mellor da música galega e na súa condición de festival das linguas, este ano poderemos gozar no Revenidas con Malandrómeda, Familia Caamagno, Falperrys, Ezetaerre ou Os Tres Trebóns e mais bandas internacionais da calidade de Fanfaria Ciocarlia, Gabriel O Pensador, Russkaja ou La Raíz.

Mañá xoves 9 de xuño bota a andar a décima edición do Festival Alternativo Millo Verde de Redondela. De volta na Chan das Pipas, en Saxamonde, tres días de actividades gratuítas, acampada incluída e a ocasión coma sempre de gozar con directos potentísimos de bandas galegas e foráneas, ademais dun feixe de actividades durante o día para todos os públicos. The Marveltons, Pan de Capazo, Chotokoeu, The Soul Breakers, Maison du Malheur ou Gypsy Sound System Orkestra. Así de interesante é a proposta do Millo Verde deste ano. Vámoslle para Redondela!

6 e 7 de maio terá lugar unha nova edición do Freixo Rock. Despois do parón no 2015, a Peña Freixo volve traer unha proposta contundente e variada no musical para un festival que ha contar con acampada de balde e carpa para os concertos neste 2016. Liska, Keltoi, Cuchufellos, Skandalo GZ, Manifa desde Bilbao ou Desakato desde Asturias entre moitos outros pasarán polo escenario, que estará de volta no campo de fútbol ao lado do local da Asociación de Veciños do Freixo, en Vigo. 

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.