Volvemos #TrasAsAmeas do Castelo de Soutomaior e o #CastelodeSobroso! Este xoves 30 de xuño comezamos as actividades de dinamización cultural nas nosas fortalezas cun concerto de Faia Díaz & Benxa Otero no de Sobroso ás 22:00 horas, pero temos moitísimas actividades programadas! Bótalles un ollo e non esquezas inscribirte
Dúo de voz & óboe + corno inglés + caixa de música
Faia Díaz é cantante, fundadora e integrante do grupo musical De Vacas, desde 2015, e do Coro Encaixe. Ao cabo leirín é o primeiro disco de FAIAen solitario, un traballo no que a cantante dialoga cos espazos que elixe, desde o recuncho solitario da taberna ao quentar das mans na cheminea. Movéndose entre o aire limitado dun roupeiro, metendo a lingua entre os dentes ou buscando o seu reflexo na auga. É, ao mesmo tempo, un proxecto de investigación arredor das músicas, das mulleres que as cantan e das historias.
No directo atopamos un espectáculo íntimo, unha experiencia diferente na que deixarse levar pola verdade do canto. A voz e as percusións tradicionais de FAIA están acompañadas por Benxamín Otero no óboe, no corno inglés e na caixa de música, e por Hevi no son e na produción. Completa o espectáculo un prato no que xira a cara B dun vinilo, co que a interactuación cos arquivos, co noso patrimonio sonoro e coas nosas mulleres, se converte nunha parte importante e especial do concerto.