Cantautor punk da parroquia viguesa de Matamá, O Leo Arremecághona. Alá polo ano 97, unha maqueta gravada cunha minicadea e un micro no centro (pola reverb) dun salón de Vigo cunha guitarra acústica rescatada do lixo chegaba ás mans de alguén que chamou O Leo i os Endinados para tocar no II Félix Rock de Vigo, xunta bandas como Babes in Toyland ou Toy Dolls. Mentres viña a data do concerto, O Leo fíxose acompañar virtualmente (aínda nunca chegaron a tempo a un concerto) de Arremecághona!!!, dúo de tamboril e cunchas inspirado en Metallica e no seu Enter Sandman . Un ano despois, coa entrada para o concerto de Vigo xa mercada, O Leo i Arremecághona!!! foron requiridos para abrir os directos da Xira Galega do Veintegenarios de Albert Pla. Tiveron que lle revender a entrada a un colega. De aí saíu o xermolo do seu disco, Suspiros de Kaña no febreiro de 1998.
Ao longo destes anos tamén fixo músicas e letras para espectáculos teatrais, en que participou asemade como actor: As Presidentas , d' A Factoría Teatro e Vendetta , de Berrobambán Teatro, espectáculo punk para pubs. Despois preparou o disco Aghomita, campión! e o directo Sigho (Vivo)!, recompilación audiovisual do seu espectáculo en vivo.
Argallou tamén a xira E aghomita!, na que apresentaba as cancións dese segundo disco, sempre a piques de saír á rúa, e onde colaboran Vicent Jalo, a banda de gaitas Os Ventos de Comesaña ou a banda punk viguesa Puta Miseria, e presentou a súa primeira incursión literaria, Hai cu, Ed. Xerais, 2007.
O Leo pasea a súa particular performance, teloneado polo seu alter ego, O Leio, cantautor que interpreta temas de Batallán ou Vaamonde, para dar paso despois ao resto da familia Arremecághona!, -cada vez máis numerosa-, e rematar sempre coa versión máis punk, onde vestido co traxe galego e camisola anarquista versiona aos Clash, cunha das mellores cancións do certame apologhit, e sacode os alicerces da sociedade. No 2012 gravou ao vivo no seu piso de Compostela o que sería o seu terceiro disco, do que tampouco volveu haber novas.
En colaboración con COUTO MIXTO
PROGRAMA:
20:00 Ouverture / Opening
21:00 Concert
Prix / Prijzen: 5€