Axenda

Xan Campos ESD
sexta feira 14 xullo 2017
Vistas : 251

Xan Campos ESD nos Seráns de Feixóo

Virxilio Da Silva Guitarra
Wilfred Wilde Guitarra
Iago Fernández Batería
Xan Campos Teclados

ESD é o novo traballo do pianista e compositor de jazz Xan Campos, un disco que marca unha notoria diferencia cos anteriores Ida e Volta (2007), Orixe Cero (2011) e Ectropía (2014). ESD condúcenos a sons máis eléctricos, ao jazz-rock e á psicodelia dos anos 70. Xan Campos é un pianista de jazz moi recoñecido, pero nesta ocasión decide deixar a un lado o seu instrumento principal, o piano acústico, para explorar novos sons cun resultado transgresor e moi orixinal. "Este proxecto nace da curiosidade por outros instrumentos e por outras posibilidades tímbricas. O jazz, máis que un estilo musical, é unha forma de entender a música, e aí ábrense as portas a moitas novas experiencias". Á hora de elixir aos compoñentes da banda, Xan Campos deulle moita importancia aos músicos cos que quería traballar e ESD convértese nun orixinal cuarteto eléctrico sen baixo, pero con dúas guitarras, as de Virxilio Da Silva e Wilfried Wilde, a batería de Iago Fernández, e Xan Campos no Rhodes e sintetizadores. Todos eles músicos cunha sobresaínte traxectoria e talento, e cunha identidade moi clara que neste disco editado por Free Code Jazz Records resulta fácil de recoñecer. ESD está estruturado en dúas partes, dous tipos de temas que se van alternando: por unha banda as composicións máis rockeiras de sonoridade máis crúa e, como ponte de unión entre elas, as "gamas de cores", que son improvisacións libres e psicodélicas a trío, nas que participa unha guitarra máis. Máis aló das reminiscencias ao jazz-rock dos 70, ESD non pretende unha volta ao pasado, senón "explorar outras ferramentas para plasmar a nosa personalidade musical, que ten moito de jazz, pero tamén doutros estilos".

Praza de Feixóo - 20:30
Organizado por: Modus VivendiRiquela Club e
Borriquita de Belém.

Lugar: Praza de Feixóo - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.