Axenda

Galician Connection´14
domingo 06 abril 2014
Vistas : 281

Galician Connection'14

Un programa formativo a cargo de seis artistas internacionais, charlas, obradoiros, debates, e un gran concerto final no Museo Centro Gaiás. Esta é a oferta da terceira edición de Galician Connection, un laboratorio de música, pensamento  e difusión dirixido por unha das nosas figuras máis internacionais: Cristina Pato. Serán tres xornadas onde, ao redor da música, terán lugar actividades e accións relacionadas coa formación, a colaboración e o pensamento  dos participantes en Galician Connection.

O Galician Connection 2014 contará con seis mestres musicais de alto nivel como o catalán Carles Benavent, un mestre na interpretación do baixo eléctrico e nome propio no mundo do jazz; o compositor, improvisador e intérprete de clarinete Kinan Azmeh desde Siria; o harpista colombiano Edmar Castañeda, integrador da harpa nos estilos jazz e latin; Abe Rábade, un dos pianistas galegos con máis proxección no panorama musical internacional; a voz multicultural da galego-palestina Najla Shami; e o percusionista coruñés e un dos educadores máis emblemáticos de Galicia: Carlos Castro.

Programa formativo exclusivo

Galician Connection ofrece un innovador programa con foros de debate, asistencia a ensaios, clases prácticas e encontros "cara a cara" nos que os asistentes poderán compartir experiencias directas cos artistas convidados.

Xornada Educa

Xunto o programa formativo, o Galician Connection reflexionará sobre a presenza das artes na educación a través de iniciativas nacionais e internacionais que reivindican un papel máis significativo nos sistemas de ensino. A Xornada Educa contará coa presenza de Damian Woetzel, ex bailarín principal do New York City Ballet e actual asesor da Casa Branca en temas culturais; Xaime Fandiño, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; o programa Educabarrié co que a Fundación Barrié busca poñer en valor o talento compartido; e Antía G. Ben, quen presentará iniciativas pedagóxico-musicais novidosas. + info e inscricións

Concerto

As experiencias de Galician Connection abriranse cara o público cun gran concerto final, o domingo 6 de abril, a cargo dos músicos convidados, que interpretarán os resultados dos tres días de experimentación e colaboración.

Lugar: Gaiás, Cidade da Cultura - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.