O trío Garabelo ofrecerá un concerto este domingo na Pobra do Brollón.Comezará ás 13:00 no Bar Pirata.
O evento é parte do ciclo de concertos ‘Con-certa Normalidade’, unha proposta do Concello da Pobra do Brollón para apoiar a hostalería e os artistas locais.
Garabelo son Brais Olmo no clarinete, Borja López na guitarra e Pablo Camarero no violino. Tocarán composicións propias baseadas en melodías tradicionais.
O concerto é de balde, previa reserva no teléfono 982 430 455.
Idealmente as reservas deberán facerse por grupos para facilitar a organización das mesas de modo que se poida manter as distancias de seguridade.
O concerto de Garabelo é o penúltimo do ciclo, que rematará o domingo 18 de xullo con Xerezade.
Garabelo
A palabra Garabelo ven do barallete, xerga de canteiros, paragueiros e músicos da Ribeira Sacra, e significa “fermoso”. O nome é unha declaración de intencións. Os nosos temas buscan crear atmósferas amables nas que quen escoita se sinta cómodx. Garabelo é un grupo que nace da inquedanza de tres músicos de Saltanocribo que deciden tomar un camiño diferente explorando as sonoridades dos seus instrumentos dun xeito diferente, buscando a beleza das diferentes combinacións tímbricas e expresivas deles.
O grupo debuta en público no teatro do Entroido de Salcedo de 2014, tocando no principio e no fin do mesmo, con grande éxito. O seu repertorio está formado por composicións baseadas en melodías tradicionais arranxados sen complexos coa única premisa de se divertir e desfrutar de facer música buscando constantemente fórmulas expresivas agradables e mesmo sorprendentes. Na actualidade, e despois de diferentes cambios nos seus membros, integran Garabelo Brais Olmo (clarinete desde xaneiro de 2019), Borja López (guitarra acústica) e Pablo Camarero (violino).