Axenda

Festival Porno Soundmede
sexta feira 01 agosto 2014
Vistas : 339

Saumede é un lugar no que a noción do tempo se perdeu. Está o suficientemente lonxe como para non estar preto de nada, pero o suficientemente preto como para poder entrar nela sen esforzos titánicos. É unha aldea que alguén abandonou e que outra xente ocupou, pero ese lapso co pasado fai que sexa especial: estar alí ten algo de vivir o que nos contaron, pero á vez parece un sitio distinto, algo realmente alternativo, outra opción. Todo ten algo de irreal e máxico, como se houbera algo místico no ambiente, como se nada parecera mundano, irónico ou irrelevante. Por iso é o lugar perfecto para a música, porque alí flota na noite, no monte, levándoche a estados trascendentes de comunión cos demais e co entorno.

En PORNO e Acas Saumede quixemos esforzarnos en aproveitar todo isto para que O VENRES 1 DE AGOSTO, A PARTIR DAS 21 HORAS, o terceiro festival Soundmede nos axude a todos a aprender a vivir, a sentir, a entender como deixar os nosos corpos para o momento en que realmente suceda. Traemos música movida pola paixón, a emoción e a vontade de buscar:

Cando escoitas a PUMA PUMKU tes a sensación de que o teu corpo che sobra. Conectas con unha música que é puro espacio, que se extende ao teu redor, e a túa mente móvese moito máis rápido do que ti vas poder nunca. Viaxas sen dirección, polo simple pracer necesario do cambio constante, montado en ritmos, harmonías e guitarras que parecen caóticas e ordenadas ao mesmo tempo.

PSYCHOTIC ACID FREEK son un dúo capaz de imaxinar aquí atmosferas aparentemente alleas. Fan algo que vén do blues, pero despois de pasar polas mans de dous punks do Grobe non fai máis que escapar en mil direccións distintas. Os ritmos son tribais e repetitivos, e as guitarras retorcen a súa heroicidade ata facerche sentir culpable polo poder dunhas cancións que se teñen algo de normal só é apariencia.

PANTIS utiliza un sintetizador, pero faino como se fora o invento necesario para unha música emocionante e non un aparato electrónico, frío e lonxano. Moreas de sonidos parecen sonar ao mesmo tempo, con forza e delicadeza, como calquera cousa importante.

MONTAÑA MUERTE é un proxecto experimental, e como todo experimento é excitante porque non se sabe o que vai suceder. Chocarán sintetizadores cunha Game Boy, casios analóxicos coa maxia do Theremin, e outra vez os ollos e os oídos parecerán ir por separado.

Ademais de toda esta música fantástica, PINCHACARNEIRO TEATRO animarán o ambiente con sketches ao longo da aldea e provocando un pouco de interacción viva entre o público, que en Saumede todos somos amigos, estamos ao mesmo nivel e acampamos no mesmo sitio. Pecharán a noite MADRE HIJA Djs, para poder bailar en trance cando os concertos teñan rematado.

Todo o que non é música no festival é igualmente inspirador e ilusionante. Para empezar, é gratis, de balde, e con comida e bebida a prezos populares. Aquí non haberá que pagar unha pila de billetes para poder acampar ao sol e a vinte minutos do escenario: hai unha zona de acampada ben bonita un pouco máis abaixo. Non terás que deixarte o presuposto nunha copa ou unha cervexa, porque aquí a comida e a bebida son a prezos populares, e non hai que facer cola para entrar, para o baño e para a comida nin ver aos grupos a cen metros mentras che entra o sonido doutro escenario. En PORNO só tentamos que as cousas sexan marabillosas e sostibles por si mesmas, para nós e para o público. Por iso agradecemos que consumades (hai licores caseiros de calidade) e que colaboredes coas donacións aos artistas polo seu traballo. En Saumede non hai vallas nin seguridade porque con iso nunca sucede nada.


COMO CHEGAR:

Saumede está no concello de A Bola, a 35 km de Ourense.

AXÚDANNOS A QUE SOUNDMEDE SE POIDA FACER:

Doppler Gestión Cultural, Librería Eixo, A Horta Bar-Restaurante, Bar O que Faltaba, Bar Rocarine, Café Cultural Roi Xordo, Pub Oxígeno, Fandiño Tapas, Pub Pórtico e Café Espolón.

Lugar: Saumede - A Bola
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.