Pazo da Cultura 02/10/2014 ás 20:30 h. |
|
MILLADOIRO.-
Levamos máis de trinta anos percorrendo espazos, silencios, xeografías. Levamos máis de trinta anos tentando atopar a beleza detrás de cada pentagrama, tempo a tempo, poñendo banda sonora a un país en perpetua construcción imperfecta. Somos fillos seus e lembramos a cor sepia dos días escuros e de pobreza socio-ambiental.
Máis de trinta anos despois seguimos á procura da beleza e da harmonía nunha singladura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras e que agarda, e demanda de cada un de nós, que sempre esteamos á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra; un horizonte onde pousa a ollada tan só, a esperanza.
TIRULEQUE.-
Na primavera de 2002 nace como proxecto TIRULEQUE, consecuencia das inquedanzas musicais de cinco rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional. Bebendo nas fontes desa tradición musical-galega -tanto a través de recollidas como recorrendo aos cancioneiros- pero tendo tamén presentes outras moitas influencias, o grupo tenta fuxir de “etiquetas” que limiten a súa capacidade creativa, sentíndose simplemente identificado co termo “música galega” nun intento de clasificar o seu estilo. Neste aspecto, a máxima de TIRULEQUE é acadar o seu propio son, identificable tanto en temas tradicionais como nas composicións propias, campo polo que o grupo mostra unha maior predilección. |