Axenda

Os d´Abaixo
sexta feira 12 Setembro 2014
Vistas : 404

DÍA DA CULTURA CHAIREGA
NO X CABODANO DO PASAMENTO DE MANUEL MARÍA
CONCERTO DE “OS D’ABAIXO”
NO AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA
VENRES, 12 DE SETEMBRO DE 2014-20:30 HORAS
ENTRADA: DE BALDE

Para conmemorar o Día da Cultura Chairega no X Cabodano do Pasamento do poeta da Terra Chá, Manuel María, o Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba organiza un concerto musical a cargo de OS D’ABAIXO.

Xa pasaron nove anos dende aquel primeiro cabodano de Manuel María, organizado polo IESCHA en setembro de 2005, coa denominación xenérica de Día da Cultura Chairega. Dende aquela data, teñen pasado grupos e cantantes tan senlleiros como Milladoiro, A Quenlla, Vichelocrego, Xarín, Buxos Verdes ou Uxía; proxectado películas coma a do chairego Jorge Coira, “18 Comidas”; realizado recitais poéticos ou dramatizacións de obras de Manuel María; conferencias, mesas redondas, presenta-cións de libros, etc. Este ano 2014 acordamos que sexa o grupo OS D’ABAIXO quen se encargue de poñer música a esta xornada conmemorativa interprentando temas do seu disco “Ao vivo en Lorient”, entre outros. Será o vindeiro venres 12 de setembro, ás 20:30 no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será totalmente gratuíta.

OS D’ABAIXO apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionáis na contorna de Santiago de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares sobranceiras da música galega, á marxe da súa orixe, autor, ou de quen as tivera gravado ou interpretado anteriormente. O que pretenden é ofrecer unha escolma de música cargada de forza e enerxía que leve ao baile e á foliada ao xeito de antes. Son un grupo no que se atopa xente que toca por afección e leva toda a vida vencellada ao folclore galego xunto a músicos profesionais de gran traxectoria en bandas como Berrogüetto ou Fía na Roca. 

OS D’ABAIXO traballan para crear novos espazos onde todo o mundo poda desfrutar e participar da música e do baile tradicional. Asisten a festiváis e encontros tanto en Galicia coma no resto de Europa, acompañados cando é preciso de versados bailadores/as que amosan aos non iniciados os alicerces da danza galega. Faise asi posible que quenes teñan disposición sexan quen de comezar a bailar muiñeiras, carballesas, xotas, valses e pasodobles, vivindo de cheo toda a potencia da festa galega.

Na súa traxectoria, por agora de catro anos, OS D’ABAIXO amenizan durante todo o inverno un baile tradicional galego que se celebra unha vez ao mes nunha asociación cultural de Santiago de Compostela. Ademáis de estar comezando a súa andaina por diversas festas e festivais de Galicia, podemos destacar un Festival de Músicas do Mundo en Maio 2012 (Etxarri-Aranaz -Navarra-), o Festival “Le Grand Bal de l’Europe” en Xullo 2012 (Gennetines -Francia-) e o Festival Intercéltico de Lorient en Agosto 2013 (Lorient -Bretaña-) amenizando o stand de Galicia. 

Lugar: Auditorio Municipal - Vilalba
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.