Axenda

Os Cempés
sexta feira 26 Setembro 2014
Vistas : 339

Os cempés presentan este venres en Bertamiráns o seu traballo “Tentemozo”

[24-09-2014] O grupo 'Os Cempés' presenta este venres, ás 21.00 h, na Casa da Cultura de Bertamiráns o seu último traballo que leva por título “Tentemozo”. Os músicos de Ferrolterra realizarán un concerto acústico para presentar este traballo, cuxa gravación foi financiada polos propios fans do disco mediante o sistema de Crowdfounding, acadando unha excelente acollida e unha grande repercusión. O concerto está organizado polo Concello de Ames coa colaboración do AGADIC. A entrada é libre e gratuíta.


A actuación dos Cempés estaba prevista para o día 4 de xullo no marco do Festival Encontros de Verán no pazo 2014. As condicións metereolóxicas marcadas por fortes chuvias impediron que o grupo puidera facer esta actuación ao aire libre. Agora os Cempés chegan a Ames coa intención de facer vibrar a todos os afeccionados á música folk e de raíz a través deste novo traballo “Tentemozo” co que celebran os seus vinte anos de concertos e xiras por Galicia, Portugal, España, Francia, Noruega e Inglaterra. 
A bagaxe desta Banda de Ferrolterra materialízase en cinco discos, dous deles ao vivo. Tentemozo é o último traballo do grupo. Financiado polos propios fans do grupo a través do sitio www.verkami.com e mediante o sistema de financiación en masa (Crowdfounding) está acadando unha excelente acollida e unha gran repercusión. O cd foi gravado coa colaboración de numerosos músicos invitados como Carlos Quintá, Begoña Lorenzo e Luis Peixoto. O traballo contou tamén coa colaboración dos mozos e mozas da Escola Livre da Música Popular Galega ELMPG (a Central Folque).
Os Cempés comezaron como músicos de rúa, de romarías e de tabernas. Logo subíronse aos escenarios e tocaron en festivais, pero nunca perderon ese espírito de músicos de rúa, espíritu que está totalmente presente no traballo que o vindeiro venres presentarán na Casa da Cultura de Bertamiráns. De feito, segundo o grupo, “Tentemozo” é a celebración destes 20 anos como grupo e supón “un reencontro entre músicos e amigos despois dun descanso temporal de cinco anos. A escolla do título tampouco é para os Cempés casual. De feito tanto en galego como en castelán a verba se utiliza para referirse a unha peza ou un utensilio que axuda a manter algo en pé. “Neste caso -manifesta o grupo- son os mecenas e os artistas que colaboraron e traballaron para facer realidade o proxecto os verdadeiros tentemozos dos Cempés”.

Lugar: Casa da Cultura de Bertamiráns - Ortoño (Ames)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.