Axenda

Camarada Nimoy
domingo 16 novembro 2014
Vistas : 504

O 15 de outubro se inaugura o Ukelele Kit Project coa sua tanda de concertos acústicos. Así que ese día ás 20:00, na Zona C (Compostela) arrancarán coas actuacións. Aquí vos deixamos o spot oficial do proxecto onde poderedes descubrir a todas as persoas que participan no mesmo.

Camarada Nimoy chegará co seu artefacto sonoro en formato dúo ao Zona C de Compostela o domingo 16 novembro ás 20:00 h. O seu formato reducido, lonxe de ser un set acústico, é unha revisión máis electrónica e experimental dalgúns temas do seu esgotado LP en vinilo vermello (sons que van desde a psicodelia, surf horror, swing ata o krauth pasado todo polo seu flitro lounge con naturalidade e a modo instrumental) e tamén de pezas ou versións novas ainda non interpretadas polo grupo que terán un tratamento concreto e único para esta actuación, mesturando o aire electrónico e espacial que lles caracteriza co son de instrumentos acústicos como o ukelele e outros elementos.

Compuseron un tema (ainda non publicado en ningures) para este proxecto que interpretaron e o gravaron cun ukelele do Gato Cósmico pintado polo ilustrador Jano Viñuela Agra. Contribuiron así a este evento; non facendo unha versión dun tema do grupo, se non cun propio para a ocasión. Seguindo a mesma liña, agora farán un concerto tamén deseñado unicamente para esta cita no Zona C, onde proxectarán imaxes que se fundirán coas súas frecuencias sonoras. Lonxe de ser un grupo con proxeccións como elementos ornamentais prescindibles, eles falan de "música visual" con elementos que evocan a unha república no espazo exterior cun imaxinario Camarada Spock socialista ao fronte, onde os vulcanianos se moven en trabants azuis e teñen as necesidades básicas cubertas.

Formación para este concerto de pequeno formato:
Pablo Muñiz: Baixo eléctrico, Teclados e fx varios.
Paulo Pascual: Guitarra Eléctrica, Ukelele, Theremin e disparacións de videos

Lugar: Zona C - Santiago de Compostela
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.