Axenda

Caxade & Banda de Música da Bandeira
sábado 06 decembro 2014
Vistas : 448

Culturgal 2014 reserva a noite do sábado 6 de decembro para unha actuación moi especial no Pazo da Cultura de Pontevedra. Un grupo, Caxade, un disco, A Dança dos Moscas, unha banda, a de Bandeira, enriba do escenario. Máis de sesenta músicos para orquestrar ao vivo un disco cuxa primeira tiraxe se esgotou e que converteu a Alonso Caxade nun dos artistas de referencia da música actual galega.

Caxade & Banda de Música de Bandeira é un proxecto de minixira que bota a andar o sábado 6 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa produción de Sinsalaudio, e da que sairá a gravación dun disco en directo. Sen dúbida, un proxecto tan atractivo como cobizoso cunha das bandas populares de recente creación. “Na Bandeira todo é música, independentemente da idade, é a principal ansia e tema de conversación na vila”, sinala Alonso Caxade.

Caxade son Alonso Caxade, voz e acordeón, Manu Paino, trompeta e carillón, Manu Espinho, bombardino, e Xosé Tunhas, batería. En 2013 presentaban A Dança dos Moscas (Discos da Máquina) converténdose axiña nun traballo moi valorado por crítica e público, con máis de medio cento de concertos celebrados até o momento. Obtivo o Premio Opinión ao Mellor Artista 2013 e foi finalista aos Premios Galegos da Música e aos Premios de la Música Independiente.

Na pasada edición do Culturgal, Caxade presentou o traballo en formato showcase no Espazo Carpa tendo esta actuación, segundo o acordeonista e cantante, unha importante repercusión tanto na proxección da banda como nas vendas de discos. No mes de xullo deste ano Caxade compartía o escenario da Praza da Quintana en Santiago de Compostela co grupo escocés Belle & Sebastian e o vindeiro 25 de outubro o disco será presentado en Espinho (Portugal).

O concerto Caxade & Banda de Música da Bandeira celébrase o sábado 6 de decembro ás 21.30h no Auditorio do Pazo da Cultura. Moi pronto, información sobre prezo e venda de entradas.

Lugar: Pazo da Cultura - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.