Axenda

IV Aniversario Liceo Mutante
sábado 01 agosto 2015
Vistas : 410

Milagrosamente, na nosa particular travesía polo deserto cultural podemos dicir que imos celebrar o noso cuarto aniversario.

Queremos invitarvos a pasar por aquí e tomarlle unha por catro anos de independencia e arte no noso querido Liceo Mutante na tardiña do próximo sábado 1 de agosto.

Para poñe-la enerxía musical temos a visita duns artistas que xa agardabamos con ansias, grandes amigos e xente da casa.

Os madrileños Rosvita visitan por primeira vez o Liceo para poñernos a bailar coa súa cocteleira máxica de sintetizadores, guitarras e temazos que non sabemos se fan pasodobles do futuro, rock tropical ou electrohardcore vitalista.

Serán acompañados para a ocasión pola visita tamén de PANTIS (https://www.facebook.com/ulopantis), o proxecto persoal de Rubén Domínguez (membro dos míticos Telephones Rouges e Chicharrón, creador da editorial/selo PRENOM e master do audiovisual underground galego), onde desenvolve a súa persoal visión do pop electrónico.

Serán anfitrións dous cachos de xamón no cocido mutante: a revisita dos intensos Lluvia de Ciervos e o debut dos exunicórnicos diola.

E ollo, que todo iso acontecerá namentres podes competir nos nosos tradicionais xogos populares (este ano recuperamos o mítico torneo de tenis de mesa) no noso xardín e enche-lo bandullo coas mellores viandas caseiras do mundo.

E canto credes que pedimos por este paraíso concentrado nun tempo e lugar? Pois mira, nin un céntimo máis que sete euros, destinados integramente a cubrir as viaxes e demáis caprichos dos artistas.

Igual que noutras grandes datas, lembrámosvos que por seguridade e comodidade temos un aforo limitado, así que non perdas a oportunidade de reserva-la túa entrada en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Aí te informamos dos detalles!

Abrimos portas ás 18.00. :)

Tómate unha con nós por catro anos de amor mutante!

Lugar: Liceo Mutante - Pontevedra
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.