Axenda

XXII Revoltallo de Música e Cultura Emerxente
From sexta feira 18 Setembro 2015
To domingo 20 Setembro 2015
Vistas : 860

A XXII Edición do Revoltallo terá lugar en Valladares os vindeiros días 18, 19 e 20 de setembro e conta con un amplo e variado programa para tódolos públicos e con unha calidade salientable.

Ademáis de concertos incorpóranse espectáculos de artes escénicas,  deste modo dáselle unha alternativa diferente a quen gusta deste tipo de disciplinas: clowns, malabares, representacións teatrais… tanto o aire libre como nas instalacións do Centro Sociocultural de Valladares.

Como sempre a entrada será totalmente de balde e de acceso libre, sendo a única limitación a do aforo do Auditorio (420 butacas aprox.) Ademáis se chovera, as actuacións non se suspenderían pois o Centro Sociocultural de Valladares conta con instalacións abondas como para acoller tódalas actuacións previstas.

Programación Revoltallo 2015

Venres día 18 de setembro, no auditorio

21:00 h. Senén Barreiro

Fai biomúsica electrónica baseada no que o autor denomina Arte Sonoro Natural (unión da bioloxía coa arte da música), mesturando o sons que emite a chuvia, o vento, os insectos, os paxaros, … Con ritmos electrónicos.

21:45 h. Carlos Suárez

Este compositor ourensán traballa con conceptos tales como: a psicoacústica, a fonografía, a composición, a etnomusicoloxía e os paisaxes sonoros. Investigador de etnomusicoloxía durante 10 anos, é gañador do premio nacional de cultura de Venezuela no 2006, polo seu libro “Os chimbángueles de San Benito”. No ano 2003 retorna a Galicia, iniciando os seus estudos da paisaxe sonora.

Sábado día 19 de setembro, no auditorio

18:00 h. Espectáculo de mimo con Sergio Otero

19:00 h. Improvisando con 8mm. de Moito Morro

As compañías teatraís 8mm. e Moito Morro fusiónanse para ofrecer ao público unha sesión de improvisación na que o público terá un papel principal tanto fornecendo ideas como avaliando os resultados das mesmas.

20:00 h. A Panadaría – Teatro

Fórmana Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman. En Pan! Pan! A Panadaría aposta por parodiar, con música vocal en directo, ao xénero dos westerns americanos. Esta comedia, é unha caricatura «dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, as fedorentas cantinas e dos desertos cheos de perigos».

21:00 h. Show de Alberto Cunha

Músico, compositor, cantante, actor, humorista, imitador e presentador. No seu show, mestura a música coas imitacións e o humor, un espectáculo variado no que se desdobra en multitude de interpretacións cun fino sentido do humor.

22:30 h. Kalambrazo

Este grupo de punk rock, orixinario de Nigrán, está composto por Mauro á batería, Polo ao baixo, Crispín na guitarra e Pablo á voz. Caracterízanse po facer un rock intuitivo e utilizar exclusivamente o vinilo como ferramenta de traballo,

23:00 h. Zampunkracia

Grupo que mestura sons contundentes con letras combativas. Practican un punk rock alegre que ten vocación de divertir ao público á vez que de trasladarlle os problemas sociales da actualidade que vivimos.

23:30 h. Fanfarria Taquikardia

Grupo de música extremo festeiro de repertorio taquicárdico, que vai das melodias balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, aportándolle sempre o espírito necesario para o baile e a festa.

00:30 h. A Patxaranga

Esta formación, con saxo, violín, guitarra, baixo, percusión e voz, leva festa, alegría e baile alá onde vai, viaxando polas músicas máis frenéticas do mundo ( balkan, klezmer, swing, folk…) baile e ledicia asegurados.

01:30 h. Camarada Nimoy

Din, que non son unha banda de space age pop, de psicodelia, de jazz, de rock, de lounge, de exótica… pero, moito gozan de todos e cada un destes xéneros. A súa, é unha proposta instrumental, coa que intentan ter amplitude de mira dentro das súas posibilidades. Un cóctel sonoro, que serven dun xeito sinxelo, sen moitas pretensións,
acompañado sempre de proxeccións nos seus directos, convertindo así os seus temas en bandas sonoras das súas elucubracións.

02:30 h. Sesións picadiscos Dj IsaaKmartínez

Picadiscos da parroquia, coñecido polas múltiples sesións que leva feito en festas de todo tipo, nas que adoita por ritmos latinos, disco e bailables en xeral. Conta cun bo número de mozos que o seguen, xa sexa en directo ou por medio do seu programa de radio.

Domingo día 20 de setembro

18:00 h. Malabares malas Llamas

Este combo nace coa idea de xuntar nun grupo a malabaristas que practican distintas especialidades, co fin de difundir estas difíciles técnicas de xogos con lume. Agardamos que non se queimen!!

19:00 h. Maxia con Xulio Merino

Este mago é especialista en maxia con bólas de esponxa. Nos seus espectáculos condensa unha multitude de efectos de transformación, viaxes e transposicións, teñen bastante variedade de efectos e os elementos son levados a cabo por unha persoaxe absurda, espontánea e desternillante que interactúa moito cos espectadores.

20:00 h. Bruxo Quiman e Andrea Pousa

Esta compañía galega de espectáculos créase e fúndase no ano 2014 co fin de que o público atope nas súas interpretacións unha identificación das suas raigames e tradicións, aínda que presentándoas dende un punto de vista contemporáneo.

Pesea súa corta historia xa teñen viaxado coas súas obras por numerosos países do mundo.

O espectáculo “Galicia, camiño de Santiago”, transmite a historia desta vía de peregrinación a través dos mitos e lendas que chegaron até os nosos días, e que, polo tanto, forman parte da nosa tradición.

En fin, coidamos que son argumentos de abondo para convidarvos a que acudades.


Lugar: Valadares (Vigo)
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.