Axenda

I Muiñada de Vimianzo
sábado 03 outubro 2015
Vistas : 318

O sábado 3 de outubro o muíño da Agra de Vimianzo volverá á vida. A asociación cultural Cherinkas e o Concello de Vimianzo organizan unha “antropofesta” para reivindicar este ben etnográfico encaixado no medio do tecido urbano da vila.

A festa comezará ás 5 da tarde para os pequenos, co espectáculo de teatro musical “Merenda con pan de millo” de Migallas Teatro. Unha hora máis tarde realizarase unha visita guiada etnográfica sobre a vida no campo, os seus apeiros, e, especialmente, ao redor do muíño. Ao remate terá lugar unha demostración ao vivo para ver como moe e produce a fariña.

O millo será o protagonista tamén dos xogos populares que se celebrarán a partir das 7 da tarde: campionato de debullo, esfollada de millo, torneo de peneira e baile do cañoto. Con todo isto irá chegando o momento da cea, no que se degustarán produtos tradicionais como empanadas de millo, follados, broa, filloas ... Mentres tanto, música e baile con grupos de música tradicional de Vimianzo: Foliada de Salto, Airiños do Río Grande e A. C. Trubisquiña.

A partir de aí, abrirase a noite de concertos, cun cartel de gran calidade no que as actuacións serán próximas e festeiras, como os cantos nunha taberna ou, precisamente, nunha muiñada. Abren a velada os Druídas da Rolda, grupo vimiancés creado recentemente de compoñentes moi novos no que imperan os ritmos folk de pub irlandés. 
De seguido será o turno do grupo A Roda, grandes expoñentes da música de taberna que elevaron o Pousa, pousa e o Andar miudiño a hits nacionais. Levan rodando desde 1975, e aínda que o grupo cambiou moito seguen coa mesma esencia. 
Comezará a madrugada ao compás de De Vacas, que traerán os éxitos internacionais a golpe de ritmo tradicional. 
Sebastião Antunes chega a Vimianzo co seu séquito a Quadrilha coa súa mistura de ritmos da música tradicional portuguesa e influencias da galega, irlandesa ou escocesa. O cantante iniciou a súa carreira en 1993, co álbum Contos de Fragas e Pragas e poderá presentar o seu último traballo "Proibido Adivinhar".
Para os trouleiros que queden con ganas de máis, rematamos a noite coa Liga Galega Gaiteira, foliada até altas horas da mañá!.

Colaboración dos veciños
Como xa se ven facendo en celebracións como o Asalto ao Castelo, nesta I Muiñada a implicación dos veciños é peza fundamental. Por iso se fai un chamamento a todos os que queiran botar unha man. Poden facelo de varias maneiras:
- ExpoRetro. Calquera ferramenta ou maquinaria vella, en especial a que teña que ver co muíño e co millo pode sernos de axuda. 
- Cociñando empanadas ou follados de millo. 

Se a podes prestar, debes poñerte en contacto coa asociación a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou ao facebook da A. C. Cherinkas.

Lugar: Agra do Muíño - Vimianzo
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.