Axenda

3º Convivio da Cultura Galega
sábado 09 xullo 2016
Vistas : 68

Aproxímase o verán e con el, por terceiro ano consecutivo, o Convivio da Cultura Galega, impulsado desde a Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela.
O Convivio é unha xornada de lecer e de encontro de todo o tecido cultural galego de base do país: destinado a todos aqueles colectivos e persoas que, desde abaixo, traballan arreo todo o ano, desde moi diferentes proxectos e realidades locais, por unha Galiza lingüística e culturalmente normalizada. Tal e como fixo o propio Manuel María, non só escritor, senón verdadeiro militante cultural e axente normalizador durante toda a súa vida.
É, sobre todo, un día de festa: para vérmonos, para falarmos e para gozar da boa compañía nunha das paisaxes que Manuel María máis amaba: a Carballeira da Santa Isabel de Outeiro de Rei, á beira do Miño, aquí onde as augas do Ladra veñen dar ás do "Pai de todos os ríos galegos". 
A Santa Isabel foi tamén o espazo natural da festa patronal de Outeiro, cunha romaría popular que queremos recuperar co seu esplendor pasado. Como na pasada edición, de mañá haberá actuación de distintas bandas de música e corais, xantar compartido na Carballeira (cada quen levará a súa comida e bebida) e, xa á tarde, foliada aberta a todo o mundo que queira vir tocar e bailar (grupos ou xente por libre). Até que se quixer! 
Todo isto completarase con visitas guiadas á Casa-Museo Manuel María durante todo o día e con outras actividades e propostas que se irán detallando nos próximos días.
Anotade nas vosas axendas o sábado 9 de xullo en Outeiro de Rei da Terra Chá: na Tribo de Manuel María.

Lugar: Carballeira de Santa Isabel - Outeiro de Rei
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.