Axenda

Os Amigos dos Músicos
sexta feira 23 decembro 2016
Vistas : 116

TODOMEDRE presenta en Ourense as novas propostas da canción popular galega. O espazo cultural TODOMEDRE e o Café & Pop Torgal presentan un novo ciclo de
concertos centrado na renovación da música popular en galego, no que participarán algunhas das bandas e proxectos máis interesantes do país.


Os amigos dos músicos
23 de decembro, 20:00h
Auditorio Municipal de Ourense
10 euros

Posibilidade de adquirir entrada e disco de
Os Amigos dos Músicos conxuntamente:
Entrada simple: 10€, máis gastos

Entrada máis vinilo: 20€, máis gastos (edición en vinilo de 180g, inclúe CD)

Entrada máis CD: 15€, máis gastos 

O disco pode recollerse dende o momento da compra presentando esta entrada en Café & Pop Torgal 

Os Amigos dos Músicos presentan o seu primeiro disco: un conxunto de cancións nas que xuntan o propio co alleo para dar forma a un discurso fragmentado, no que as distintas voces se van sucedendo, mais no que aos poucos vai emerxendo a coherencia do horizonte.

A banda, que sempre buscou referentes na canción popular galega, establece con este álbum un compás para dirixirse en tal singradura. As coordenadas que, dun xeito simbólico mais tamén obxectivo, marcan Curros Enríquez, Suso Vaamonde, Manuel María e Luis Emilio Batallán son o risón que permite pararse e levantar a vista, mais só para proseguir a viaxe. Unha mostra deste ánimo de descuberta son os seus concertos, nos que Os Amigos dos Músicos presentan o seu amplo rexistro musical a través da sutileza dos cambios de dinámica e a mestura das distintas voces que compoñen a banda.

Para plasmar todas estas voces e ambicións, Os Amigos dos Músicos xuntáronse en distintos momentos dos dous últimos anos nos Estudios A Ponte, en Roxos, Santiago de Compostela, para gravar un disco de produción propia no que contaron con Tomás Ageitos como enxeñeiro de son. As mesturas correron a cargo de Druso L. Pedrouzo e da masterización encargouse Dr Chou. Federico Álvarez realizou as fotografías interiores e María Grande o deseño co que se presenta o álbum nos formatos de CD e LP.

Lugar: Auditorio Municipal - Ourense
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.