Axenda

I Xornada da Gaita no Mar
sábado 03 decembro 2016
Vistas : 83

I XORNADA DA GAITA NO MAR, Sábado, 3 de decembro, 17.30 h.
Club do Mar de San Amaro
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza este sábado, a partir das 17.30 horas, a I Xornada da Gaita no Mar.

Que pouco se ten falado dos gaiteiros do mar....díxome o Peix de Aldán, ano 2008, na súa festa do San Pepe. Na literatura sobre este instrumento-referente falta un capítulo: todo o Océano.
(Xurxo Souto, Contos do Mar de Irlanda)

Moito antes de que Manu Chao inventase a música mestiza, a gaita galega xa soou, e triunfou, en Namibia, Capetón, Irlanda ou Terranova. En case todos os portos do país houbo -e hai- mariñeiros gaiteiros que levaron a canda eles o seu instrumento polos mares do mundo.
Un universo sonoro do que, até o momento, nada saben as e os terrícolas. Este sábado, no Club do Mar de San Amaro (non podería existir escenario máis propio), as cousas van principiar a mudar.

Nesta I Xornada proxectarase o documental “Os Gaiteiros do Mar” dirixido por Martín Rodas e Xurxo Souto. E, o mais importante, contaremos coa presenza (e a coa música) dos seus protagonistas. Dende o Morrazo: Lito de Pinténs, Manoliño e Feliciano de Donón, Manuel Martínez Santomé e o Peix de Aldán. Mariñeiros gaiteiros que no ano 1973 mesmo chegaron a gravar un lp ( en cinta casete ) abordo do Ría de Aldán, enriba da propia auga do Gran Sol.

(entrada de balde; ao remate foliada) 
Foto: Lito de Pinténs, e compaña, abordo do José Cornide (da Pebsa da Coruña) camiño de Terranova .

Coma en tódolos gremios, no dos mariñeiros tamén había gaiteiros, moi ben considerados polo resto dos seus compañeiros, pois entre a súa equipaxe sempre viaxaba unha gaita.

O que estes mariñeiros gaiteiros conseguían coa súa gaita, non só era que os seus compañeiros e eles mesmos desfrutasen da nosa música tradicional naquelas longas viaxes fora do seu fogar.

O que estes mariñeiros fixeron foi moito mais, eles foron quen de levar a música tradicional galega polo mundo adiante a través do mar, sobre os barcos, entre as redes, aos portos doutras latitudes,… Convertendo ao mar, en algo mais que nunha reserva de peixe, ou nunha ruta comercial.

Foron estas xentes do mar, coas súas tradicións e o seu saber-facer que o cabo dos séculos foi deixando por todo o mundo, pegadas do noso devir, da nosa fala, da nosa cultura e por suposto, da nosa música.

Para coñecer esta realidade máis de preto a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o vindeiro sábado 03 de decembro pola tarde a Xornada: "A Gaita no Mar", que terá lugar no Club de Mar de San Amaro (A Coruña).

Contaremos cun relatorio de Xurxo Souto sobre os Gaiteiros do mar, a proxección do documental "Dos Gaiteiros do Mar" codirixido por Xurxo Souto xunto a Marín Rodas. E para o peche, un concerto cos Gaiteiros do Mar.



Lugar: Club do Mar de San Amaro - A Coruña
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.