Axenda

Festival do Brindo
quinta feira 05 abril 2018, 19:00
Vistas : 295

Festival do Brindo na Póboa do Brollón

O vindeiro 5 de abril celebrarase o Festival de Brindo no Casa da Cultura “Olga Novo” de Póboa do Brollón, a partir das 19.00. O evento forma parte dun programa impulsado entre o CEIP da Póboa do Brollón e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, co apoio do Concello do Brollón, para impulsar o brindo entre a xente nova.

O obxectivo deste Festival é facilitar a transmisión interxeracional do brindo, a forma de improvisación oral en verso propia do Courel. O pasado outono faleceu o último brindeiro do concello, José Veloso Valcárcel, da aldea de Forgas. Os irmáns José e Álvaro de Forgas fixeron historia como dous dos máis destacados improvisadores da comarca, xunto a outros repentistas do Courel como Angelita do Baño ou Antonio Rio de Louzarela.

No Festival do Brindo intervirá Antonio Río Montero, improvisador de 91 anos do lugar de Louzarela, do concello do Incio, e daralle a alternativa a Nuria Penas, repentista de 14 anos que estuda no instituto de Vila de Cruces, onde se formou como regueifeira, e que ten familia na Póboa do Brollón. Nuria Penas representa a nova xeración de brindeiras, e actuará con Alba Maria, reguefeira de Vigo, o alumnado da materia “Regueifa e improvisación oral en verso” das Cruces, e mais co alumnado do colexio do Brollón, que recibiu un Obradoiro de Brindo impartido por Sara Marchena e Alba María.

No Festival, actuarán ademais Lorena Medela, Aleixandra Torres e Carla Verde. Este Festival do Brindo quere visibilizar un dos maiores valores do patrimonio inmaterial desta comarca, a canción improvisada, un fenómeno que pervive en moi poucos territorios de Europa e que está a ser impulsada en diferentes sistemas escolares do mundo para mellorar as habilidades lingüísticas e creativas do alumnado.

Esta actividade forma parte do proxecto escolar Regueifesta, que ten como obxectivo impulsar a improvisación en verso entre a xente nova. A Regueifesta xuntará estudantes de toda Galiza o vindeiro 2 de maio en Compostela, nun encontro no que participará tamén alumnado do País Vasco e de Cataluña. O alumnado do Brollón achegarase en representación da canción improvisada desta comarca, o brindo.

Lugar: Casa da Cultura Olga Novo - A Pobra do Brollón
Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.