Heredeiros da Crus

Banda de rock do Barbanza formada a comezos dos 90, a súa estrea foi na festa da Dorna de Ribeira do 1992, que logo colleitou un grande suceso, xa desde o lanzamento do seu primeiro disco, A Cuadrilla de Pepa a Loba, (Xurelo Roxo, 1994).

Este éxito que ten moito que ver coa aparente facilidade coa que fusionan o rock anglosaxón da década de 1970 no musical cunhas letras e un xeito de falar e de dicir as cousas que lles son moi próximos aos seareiros.

A banda compúñana un grupo de cinco rapaces: Tuchiño (guitarra e voz), Tonhito de Poi (guitarra rítmica e "corros"), Javi Maneiro (O fillo da Necha), (voz), Francisco Velo (O Jran Fran), (baixo), e Avelino, (batería). Posteriormente Avelino marcharía e deixaría paso a Medín, o batería que máis tempo estivo co grupo. Tamén deixaron a súa pegada nos Heredeiros Marcos Otero e Pedro Rodríguez-Trelles.

Despois do éxito acadado co disco de estrea, pasaron a publicar os seus traballos con BOA Music. Está que te cajas!!, Criatura, Erecsiones munisipales,...até a saída de Chicarrón no 2004.

Despois de se separar en 2005, a banda volveu aos escenarios nun histórico concerto en Ordes diante de 3 500 persoas o 3 de marzo de 2012. Publicou no 2013 un disco con novos temas Jard Rock con fe, para o que entrou na batería Manu Rey.

Tras este longa duración apenas sacaron un sinxelo no 2015 até a publicación de Derretidos no outono de 2019. Tras case 30 anos de traxectoria, os Heredeiros seguen a ser un dos máximos referentes do rock galego. Os seus concertos son multitudinarios tanto en salas e festivais ao longo do país así coma en calquera lugar onde haxa unha comunidade galega, no 2019 visitaron por exemplo a illa de Lanzarote para presentar o novo traballo en Arrecife, facendo parada despois en Londres, Barcelona, Madrid, Xenebra e Compostela. 

Sen obviar o seu gran suceso entre a mocidade galega dos últimos 20-30 anos, os Heredeiros teñen sido tamén albo das críticas polo seu uso cousificador das mulleres: en letras, na capa do seu último disco, cando levaban unha striper como parte do seu show,...

(Actualizado en novembro de 2019)


Ao vivo no Armadiña Rock do 2017. Foto: Xabicas @ Armadiña Rock

JARD ROCK CON FE (Abril 2013)

Buscando a Superfama (Maio 2015)

Derretidos (Outubro 2019)