Ruxe Ruxe

Grupo rock da bisbarra compostelá, da aldea de Aríns, que leva desenvolvido unha longa traxectoria dende os seus comezos, cando tiraron a primeira maqueta no 1996, que incluía cinco temas onde se intuía cales ían ser os vieiros polos que camiñase a música dos Ruxe.

Isto é, rock en galego, que fala de Galiza e que mesmo soa coma ela en ocasións, tanto que durante os seus comezos, cando gravaron o seu primeiro disco, Ruxe-Ruxe, 1999, e mais o segundo, Non temos medo, 2000,  foron incluídos seguido en compilatorios de música folk e celta. Isto debeuse xa non á presenza de gaita e acordeón en moitas das súas pezas, ou as colaboracións que nos discos teñen feito pandeireteiras coma Liñaceira, -feitos que por outra banda son comúns a outros grupos de rock-, senón a unhas raigames tan chantadas na terra, como lles acontecía quizais aos Rastreros, que aínda que estean a facer rock hai algo atrás que recorda sempre de onde son os que tocan. E non hai máis que escoitar os seguintes traballos do grupo, A terra dos comentos, 2003, e Fervendo, 2004, para se dar de conta disto. Porque nestes traballos a presenza do rock é moito maior, case absoluta, especialmente no último deles, coas colaboracións de Julián Hernández de Siniestro ou o Maestro Reverendo, mais o arrecendo á terra segue a estar presente, para sinalar que os rapaces que están a soar vos son de Aríns, Compostela.

Concerto na Festa Folc de Vilariño no verán de 2012, a pesar do que diga o colgarello :P

Xigantes, (PAI Música, 2008), dá un paso máis, -unha boa alancada-, cara a unha madurez musical que semella vai situar a banda nun son que relembra moito o rock anglosaxón dos setenta, -dunha e outra banda do Océano-, e que lle concede cada vez máis importancia, nas gravacións, aos medios tempos. Unha base rítmica ancorada nese rock clásico, unha guitarra que gaña en protagonismo, tamén ao vivo, e unhas voces, -principal e tamén os coros-, seguras do que fan marcan a pauta. E dentro desta liña xeral do seu novo traballo, abrollan retallos punk, ecos do ska, unha olladela ao hip-hop, gaitas e saxos dando acubillo a unhas letras que cada vez collen máis  peso no total do disco.

No 2010 chegou Na fura de diante, facéndolle ademais xustiza ao seu nome. Disco rápido, 15 temas en 40 minutos, con moito punk e ska clásicos, que tiran pró irish punk nas cancións en que a gaita colle protagonismo. Polo medio, Buratos e Sr Kalashnikov, cada unha ao seu xeito quizais as notas discordantes e senlleiras do traballo.

Na altura, a banda estaba xa consolidada como unha das referencias do rock galego, contando por milleiros os asistentes aos seus concertos e chegando a facer sold out 2 días consecutivos na Capitol na presentación do que sería o seu oitavo disco, Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras. Traballo que conecta máis con Xigantes ca con Na fura de diante e que contén 2 dos temas máis coñecidos na extensa discografía dos de Aríns, Rock do país e Adiante. E de feito, entre o punk-rock festeiro con gaita e mensaxe e os temas máis pausados e intimistas camiña todo o disco. Tamén destaca a presenza de colaboracións: Bocixa dos Zënzar, Esteban de Skacha, Roi Maceda de Quempallou, Xabier Díaz e Dios Ke Te Crew.

No 2014 Ruxe Ruxe publica Némesis (Lobican Records). Trátase dun disco moi diferente ao resto da produción da banda. Gravado en plena crise a nivel estatal, con novas relativas a corrupción decote nos medios e cos recortes a todos os niveis castigando a poboación, recolle dalgún xeito toda esa raiba e por vez primeira a banda posiciónase a nivel político de forma explícita, Estado Miseria, Partido Criminal, Vótame Mamón, ..., mais o disco vai moito máis aló, e precisa ser escoitado enteiro e en orde para entender de vez a historia de desesperación que vive o protagonista. 22 temas, máis dunha hora de música -e debeu ser máis, pois algún tema quedou fóra por diversos problemas- case unha ópera-rock que nos presenta uns Ruxe tremendamente contundentes a carón dalgún intre para o Vituco e a guitarra en modo cantautor, encetando e enfiando a historia nos momentos precisos. Probablemente, o traballo da banda máis persoal no tocante ás letras para o Vituco pero no que máis peso tiveron os gostos doutros como Miguel Duarte no musical.

Ao vivo no Aturuxo, decembro de 2015

Despois da escuridade de Némesis, Ruxe volve mostrar a faciana máis optimista, punki e skatalítica n'Un mundo Feliz (Lobican Records, 2015). Na miña taberna, Cancións ceibes, Respiro, Frores, Perfecto, ..., todo apunta de volta á festa e de feito os temas deste traballo entraron moito máis no directo de Ruxe Ruxe do que o disco anterior.

Ao vivo na Festa Folc de Vilariño de 2016

Seguindo co ritmo frenético e o ritual de presentar -enchendo- un disco ao ano na Capitol de Compostela, no 2016 chega 20'' (Lobican Records). Máis guitarreiro, tamén cun son máis contemporáneo e non tan clásico como noutros traballos -probablemente, de volta por influencia de Duarte e Carlos Freire, baixista- aínda que o ska e o bravú sinal de identidade da banda seguen a estar presentes.

Chega despois un período de mudanzas na formación, que despois de manter certa estabilidade na última década arredor dos veteráns Vituco Neira, Xan Pericán e Xaco Barona e mais Miguel Duarte e Carlos, só con cambios na batera pola que pasaron Álex Sevilla, Héctor Ojea e finalmente Iago Jorge, ve como Duarte e Carlos abandonan o grupo.

Entran no 2019 D Barbas á guitarra e Xulia F no baixo, e Ruxe Ruxe dá comezo á que vai ser probablemente a última etapa da formación, que polo de agora dá comezo coa gravación nos Estudios Gárate de Kaki Arkarazo dun novo disco, que presentarán no 2020.


Formación da banda no verán de 2019

 

PARA ESCOITARES A DISCOGRAFÍA DOS RUXE RUXE PRECISAS DE TE REXISTRAR DE BALDE EN DEEZER: LOGIN

 

20'' (Lobican Records, 2016)

Un mundo perfecto (Lobican Records, 2015)

Némesis (Lobican Records, 2014)

Máis cancións sobre toxos, cardos e silveiras (Lobican Records, 2012)

Na fura de diante (Lobican Records, 2008)

Xigantes (PAI Música, 2008)

Comercial (2006)

Fervendo (2004)

A terra dos comentos (2002)

Non temos medo (2000)