Birimbao

  • 118.jpg

Seis son os músicos coruñeses que forman inicialmente esta banda de folk que dende o ano 1999 foi conseguindo unha presenza cada vez máis notable enriba dos escenarios galegos. A proposta do grupo busca achegar a música tradicional galega á mocidade, bebendo nas fontes tradicionais mais reinterpretándoas sen perder a identidade de orixe, incluso cando procuran en Portugal ou Irlanda as súas referencias sonoras. O respeito pola tradición e as ganas de traballar a prol da actualización da música galega, anceio común a moitas das bandas galegas do século XXI, marcan o quefacer de Birimbao, reflectido no seu único traballo, En Corso, (Autoeditado, 2001), onde soan pezas galegas acarón de jigs e polcas.

Despois de varios cambios tanto a nivel musical coma nos seus compoñentes, Birimbao chega a ter unha formación estable coa que comeza unha nova etapa no 2008, ano en que publican unha maqueta de 4 temas, chamada coma eles, Birimbao, na que volven gravar algúns temas do anterior traballo coa nova formación. Nas súas cancións alteran temas de composición propia con outros tradicionais, alén de musicar poemas de diversos autores. Os integrantes desta nova etapa do grupo son: Mabel L. Castro, voz, frauta traveseira, frautas de pico, whistle e pandeiretas; Chema Lorenzo, contrabaixo, baixo eléctrico, teclados; Pepe Mato, acordeón diatónico e acordeón piano; Alberto Camba, batería e percusións; Manuel Caridad, violín, gaitas e percusión tradicional; Manolo Gesto, guitarra eléctrica, guitarra acústica e voz.

Birimbao no Festival de Ortigueira de 2013